Grupo de traballo do proxecto PoC-ID, en Santiago de Compostela. Foto: IDIS.

Grupo de traballo do proxecto PoC-ID, en Santiago de Compostela. Foto: IDIS.

O CHUS prepara un dispositivo contra un virus que mata 253.000 nenos cada ano

O grupo Genvip participa nun proxecto internacional para combatir o VRS, que xera 200 hospitalizacións anuais de lactantes só en Galicia

O virus respiratorio sincitial (VRS) é unha das maiores ameazas para as crianzas que viven en países subdesenvolvidos. É o axente principal da infección de vías respiratorias baixas, o que causa 253.000 mortes anuais de crianzas no mundo; un 6,7% da mortalidade de nenos menores dun ano a nivel mundial. É a segunda causa máis importante de mortes na infancia, polo que supón un importante desafío para os investigadores médicos. En Galicia causa unhas 200 hospitalizacións anuais de lactantes. Ademais, está relacionada cun maior risco de desenvolver enfermidade sibilante na etapa adulta.

No Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o Grupo de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (Genvip) forma parte do proxecto internacional PoC-ID, que nestes días ultima un dispositivo que permitirá a detección rápida do VRS. As instalacións do CHUS acollen esta semana as reunións para desenvolver o prototipo final deste aparello, que reducirá os custos sanitarios e mellorará a calidade de vida de moitas crianzas.

Esperan realizar as primeiras probas clínicas neste mesmo ano

Tras o traballo dos dous últimos anos, nos que se desenvolveu o dispositivo, os investigadores agardan poder iniciar as probas clínicas antes do final deste ano. “Ten un uso sinxelo, e está deseñado para atender as necesidades dunha rápida e temperá detección das infeccións respiratorias víricas”, subliña Federico Martinón, xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico e líder do grupo de investigación galego que participa no proxecto europeo.

O aparello creado polo proxecto PoC-ID combina a detección de biomarcadores do hóspede e o patóxeno na mesma mostra, o que permitirá un diagnóstico rápido, económico e preciso, xunto cun prognóstico da enfermidade. Amais, os resultados serán practicamente en tempo real. Así, o sensor servirá de guía e apoio aos médicos á hora de escoller a terapia máis conveniente: observación, hospitalización ou alta domiciliaria, tratamento antibiótico, ou tratamento sintomático ou de soporte.

O dispositivo tamén monitorizará a progresión da doenza e servirá de guía na avaliación de novos fármacos contra o VRS que se atopan en fase de desenvolvemento.

 

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.