Xoves 28 Marzo 2024

Un casco para evitar a caída do cabelo durante a quimioterapia

É un dos procesos máis duros, non só no eido físico, senón tamén no psicolóxico, que teñen que afrontar os pacientes de cancro que se someten a quimioterapia. As substancias que se empregan para destruír o tumor acaban chegando tamén ás células responsables de que se desenvolva o cabelo, e este acaba caendo en moitas ocasións. Desde hai anos, un método baseado nun casco de silicona pretende axudar ás persoas que se ven sometidas a este tratamento oncolóxico.

Agora, o hospital de Ourense é un dos primeiros centros públicos que ofrece aos pacientes de cancro a posibilidade de empregar de xeito gratuíto este dispositivo, a través da Fundación Biomédica Galicia Sur e coa participación da empresa Oncobel, pioneira en España na aplicación deste tratamento.

Publicidade

Esta semana realizouse unha demostración pública do tratamento cunha das pacientes que xa está empregando o casco, Társila Fernández, unha ourensana que padece cancro de mama. Declara que “a xente non che mira con cara de pena, ao conservar o cabelo ninguén se dá conta”, explica a Atlas.

A idea xa leva anos ensaiándose noutros países. O casco de silicona vai conectado a un sistema informático que fai circular un líquido, co que se arrefría a zona do cabelo para estreitar os vasos que achegan sangue aos folículos pilosos. Deste xeito redúcese tamén a cantidade de substancias empregadas na quimioterapia que chegan a esta zona, polo que o dano é menor e o cabelo non cae en tanta cantidade.

O sistema probouse durante anos e foi aprobado en 2015 pola Axencia de Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos. Os ensaios en 122 pacientes de cancro de mama en fase 1 e 2, con tratamentos asociados á perda de cabelo, demostraron que en máis do 66% dos casos perderon menos da metade do pelo.

Limitacións

Porén, o casco non se pode empregar en todos os casos de quimioterapia. Desaconséllase o seu uso en pacientes pediátricos e só se demostrou a súa eficacia no caso de tumores sólidos. Por tanto, non se pode empregar, por exemplo, en tipos de cancro como a leucemia ou o linfoma.

Do mesmo xeito, ten algúns efectos secundarios: dores de cabeza inducidos polo frío, molestias no pescozo e nos ombreiros, así como calafríos e dor relacionados co uso do casco durante o tempo que duro o tratamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno