espermatozoides

A calidade do seme dos galegos é a mellor de España

A maior revisión xamais publicada sobre o inzo dos occidentais amosa un descenso do 50% nos últimos 40 anos

Algo acontece no seme dos occidentais. Nos últimos 40 anos, a densidade e o volume de espermatozoides está caendo a velocidade de vertixe. Así o demostra unha meticulosa revisión realizada por investigadores de varios continentes, que analizou máis de 7.500 artigos científicos e atopou 185 estudos sobre a calidade do inzo. A conclusión que tiraron do seu traballo é preocupante: a concentración espermática en 1973 era de 99 millóns de espermatozoides por mililitro; en 2011, caeu ata os 47,1. Un descenso do 52,4%.

As investigacións asocian este declive coa contaminación e o sedentarismo

Aínda que os estudos non aportan evidencias sobre as causas desta perda de fertilidade, o feito de que o problema afecte en maior medida aos occidentais pon de manifesto que a exposición a contaminantes e os estilos de vida pouco saudables asociados ao sedentarismo poderían ter bastante que ver.

“Isto ten serias implicacións en canto ao problema da fertilidade. Cómpre investigar urxentemente sobre as causas deste declive”, sinalan os autores do traballo, publicado en Human Reprodution Update.

Galicia, á cabeza de España

Polo de agora, Galicia parece salvarse, en parte, desta crise de fertilidade. En 2008, un equipo de investigadores do Institut Marqués de Barcelona analizou as diferenzas na calidade do inzo de voluntarios de diferentes zonas de España. E segundo estes datos, os niveis de concentración do esperma dos galegos estaban máis preto dos valores de 1973.

Así, a concentración do seme dos galegos era, hai nove anos, de 91,5 millóns de espermatozoides por mililitro, a maior de España. En canto ao volume exaculado, os galegos tamén son líderes. No que respecta á motilidade, é dicir, á capacidade de movemento, só os asturianos están por riba. No cómputo total, segundo os parámetros empregados polos investigadores, a calidade dos espermatozoides galegos é de 62,4, seguido dos de Asturias (59,6) e os cataláns (54,7).

Estes bos datos están directamente relacionados coa baixa porcentaxe de galegos que sofren de oligospermia, o nome que recibe a secreción deficiente de esperma ou a escasa cantidade de espermatozoides no seme. Só un 8,5% dos galegos a padecen, fronte ás elevadas porcentaxes de Valencia ou Barcelona (22,7%) e País Vasco (18,7%).

Neste caso, os científicos barceloneses tamén suxeriron unha relación entre a contaminación e os hábitos pouco saudables e o rendemento do esperma.

Aquí podes consultar os estudos:

Temporal trends in sperm count: a systematic review and meta-regression analysis.

Geographical differences in semen quality in a population of young healthy volunteers from the different regions of Spain.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.