Martes 23 Abril 2024

Beber na adolescencia asóciase con posteriores alteracións psicolóxicas

Un estudo realizado por científicos da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade de Santiago de Compostela con 3.696 estudantes universitarios de dezaoito anos revela que empezar a beber alcol a unha idade temperá asóciase cun aumento dos síntomas psicopatolóxicos, é dicir, de indicios que apuntan á posibilidade de padecer unha alteración psicolóxica no futuro.

“A presenza destes indicios non significa necesariamente a existencia do trastorno clínico, pero si se pode interpretar como unha susceptibilidade para padecelo”, explica Luís Miguel García Moreno, investigador do departamento de Psicobioloxía da UCM e coautor do traballo, publicado en Psicothema. No traballo tamén participaron os investigadores Carina Carbia, Francisco Caamaño e Montserrat Corral, do grupo Necea (Neurociencia Cognitiva e Afectiva) da USC.

Publicidade

Os científicos tiveron en conta nove dominios psicopatolóxicos: ansiedade, depresión, obsesión-compulsión, fobia, hostilidade, ideación paranoide, sensibilidade interpersoal, psicoticismo e somatización. Os participantes, entre os que non figuraba ningún abstemio, tiveron que encher cuestionarios anónimos onde se lles preguntaba pola frecuencia de consumo de alcol, a idade de inicio e cuestións encamiñadas a determinar en que medida sufrían algúns dos nove síntomas seleccionados.

O síntoma máis frecuente foi o malestar corporal relacionado co consumo de alcol

O estudo revela que empezar a beber alcol entre os once e os trece anos aumenta o risco de experimentar síntomas de malestar en comparación con aqueles cuxo inicio se sitúa a partir dos dezaseis anos. O síntoma máis frecuente rexistrado polos adolescentes foi a somatización, que implica experimentar sensacións de malestar corporal relacionadas, sobre todo, con dores musculares, alteracións respiratorias e gastrointestinales. Outros síntomas comúns foron a hostilidade e a agresividade, o que leva unha maior propensión a manifestar ideas ou comportamentos violentos cara a outros ou cara a si mesmos.

Do traballo despréndense diferenzas en función do xénero. “As mulleres mostraron signos de ansiedade e depresión, mentres que os homes reflectiron un certo grao de psicoticismo”, compara García Moreno. En xeral, elas rexistraron valores máis altos dos indicadores o que, segundo o psicólogo, pode indicar unha maior vulnerabilidade das adolescentes para os efectos do alcol.

Os autores subliñan que, ao tratarse dun estudo transversal “é dicir, nun único momento do desenvolvemento dos participantes” non se pode establecer unha causa-efecto entre o consumo de alcol e padecer os síntomas. Só se demostra que existe unha relación. “Non podemos afirmar que é primeiro, se o consumo produce os síntomas ou certos síntomas predisponen ao consumo”, recalca García Moreno. Nestes momentos, o equipo traballa en previr a inxesta de alcol de forma máis personalizada en función das características persoais de cada adolescente. Para iso, están a tratar de pescudar que é o que lles impulsa ao consumo abusivo.

As mozas amosaron signos de ansiedade e depresión, e os homes reflectiron psicoticismo

Parte do equipo, xunto con investigadores do Centro de Tecnoloxía Biomédica CTB (Madrid) e a Universidade do Minho (Portugal), participou noutro estudo, publicado hai uns días en Scientific Reports, co que descubriron que existen alteracións funcionais no cerebro de mozos bebedores despois dun seguimento de dous anos.

Os científicos, que o ano pasado comprobaron como as borracheiras ocasionais alteran os circuítos cerebrais dos adolescentes, foron un paso máis aló ao analizar, con magnetoencefalografías (MEG) como evolucionou a conectividade cerebral en adolescentes en función de se son bebedores ou non. Para iso, avaliaron a trinta e nove estudantes, vinte e dous non consumidores ou ocasionais e dezasete que practicaban consumo intensivo de alcol (beber grandes cantidades en pouco tempo) durante un período de seguimento de dous anos. “Descubrimos unha diferente configuración funcional de diversos circuítos cerebrais segundo sexan consumidores ou non, a cal se foi incrementando co paso do tempo nos bebedores”, resume García Moreno. Os circuítos implicados forman parte da denominada rede neuronal por defecto (DMN polas súas siglas inglés), composta por rexións cerebrais activas cando a mente está en repouso. O precúneo, o cíngulo anterior e posterior, o córtex medio prefrontal e córtex inferior parietal son algunhas destas zonas, que mostraron alteracións nos cerebros de mozos cuxo patrón de consumo mantívose durante dous anos.

Estes estudos, xunto aos que actualmente están a levar a cabo os científicos, son financiados pola Delegación Nacional do Plan sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...