O leite materno reduce o risco de infeccións nos bebés prematuros e enfermos. Imaxe: Elena de la Varga, Servicio de Neonatología H. La Paz.

O leite materno reduce o risco de infeccións nos bebés prematuros e enfermos. Imaxe: Elena de la Varga, Servicio de Neonatología H. La Paz.

Bancos de leite materno: ao rescate dos bebés vulnerables

Santiago e Vigo contan desde 2016 cos dous primeiros de Galicia, cos que se mellora o prognóstico de bebés prematuros e enfermos

O leite materno é o alimento máis indicado para os bebés que acaban de nacer. Mais non sempre é posible que dispoñan del. Así, a doazón a través dos bancos de leite pode ser a mellor alternativa, especialmente nos casos dos nenos e nenas que nacen de forma prematura ou con algunha patoloxía. O obxectivo destes bancos é recoller, procesar, almacenar e dispersar con todas as garantías o leite materno para resolver os problemas de alimentación dos bebés, ata que as súas nais lle poidan dar o peito.

En España existen actualmente 14 centros que dispoñen de banco de leite materno. Dúas delas están en Galicia: Santiago e Vigo abriron en 2016 as súas unidades, que xa benefician a centos de bebés galegos cada ano.

Varios estudos científicos sinalan que nos nenos prematuros, a ausencia de leite materno e a súa substitución por fórmulas artificiais supón un aumento de doenzas como a enterocolitis necrotizante, un trastorno intestinal propio dos prematuros e outros bebés vulnerables. En 2001, a OMS destacou que os bancos de leite son “unha das mellores estratexias sanitarias na diminución da mortalidade infantil”.

Varios estudos sinalan que o leite materno ten grandes beneficios para bebés prematuros e enfermos

Ao tratarse dun ben escaso, nos bancos de leite cómpre priorizar aos receptores e axustar as caracteristicas do leite donado ás do neno que as recibe, tendo sempre en conta a dispoñibilidade. Nos primeiros días, dáse aos recén nacidos de máximo risco (menos de 1kg ou me os de 28 semanas de xestación) o leite das donantes cuxos fillos tiñan no momento da extracción poucos días ou semanas de vida.

Para os bebés prematuros ou enfermos, as primeiras semanas supoñen un período crítico para o posible desenvolvemento de patoloxías inmunitarias. A alimentación con leite materno ou a donación del axuda a aumentar as súas defensas e resistencias. Do mesmo, a maior volume que consuman durante este período crítico, maior é o beneficio.

“É importante comezar canto antes a alimentación con leite humano xa que favorece a mobilización e a tolerancia, a maduración intestinal e a colonización por xérmenes beneficiosos para o prematuro vulnerable. É preferible o leite da propia nai, pero se non se dispón dela, a doazón é a mellor opción”, explica á Axencia Sinc Marta Cabrera, neonatóloga do Hospital La Paz de Madrid.

As cifras das doazóns

Táboa das ifras dos bancos de leite materno de Santiago e Vigo. Fonte: AEBLH.

Táboa das ifras dos bancos de leite materno de Santiago e Vigo. Fonte: AEBLH.

Os datos recollidos en 2016, ano de entrada en funcionamento dos bancos de Santiago e Vigo, sinalan que en España rexistráronse 1.565 donantes, cun volume total de 7.449,16 litros de leite. Unha media, por tanto, de 4,47 litros por donante. No caso de Galicia, os datos de Vigo e Santiago poden consultarse na táboa xunto a estas liñas.

A actividade dos bancos de leite materno en España aumenta cada ano. Desde 2009, o número de donantes pasou de 175 a 1.565, e dos 1.143,9 litros, aos 7.449,16. Tamén aumentou sensiblemente o número de receptores, que pasaron dos 333 aos 2.281.

Como ser donante de leite materno?

As mulleres que desexen contribuír aos bancos de leite materno deberán poñerse en contacto co banco máis próximo, onde serán informadas de todo o proceso. Aquí podes obter o contacto dos bancos de Santiago de Compostela (ligazón) e Vigo (ligazón). Cómpre que sexan nais lactantes, que gocen dunha boa saúde e leven un estilo de vida saudable e

Entre as contraindicacións están o consumo de tóxicos, así como certos medicamentos ou produtos de parafarmacia. Tamén existen reparos no caso dalgunhas infeccións, cirurxías ou transfusións de compoñentes sanguíneos que fosen recentes.

Como consello, convén establecer ben a lactancia dos fillos durante o primeiro mes de vida antes de empezar a donar. “É útil incluílo na rutina diaria. En ocasións, as donantes extraen leite dun peito mentres están amamantando co outro ao seu fillo”, apunta Marta Cabrera. O principal, destacan os expertos, é evitar que o leite se contamine por unha falta de hixiene ou un almacenamento incorrecto.

Máis dun século de historia

O primeiro banco de leite materno creouse en 1900 en Viena. Abriron despois en Boston (1910), Buenos Aires (1921) e Río de Janeiro (1943). Desde entón, os centros espalláronse polo globo. Coa aparición do VIH e o desenvolvemento de fórmulas lácteas para prematuros, o seu uso diminuíu durante os anos 80.

En España, a historia é moito máis recente. O primeiro fundouse en Palma de Mallorca en 2001, e o segundo abriuse en Madrid en 2007.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.