Venres 19 Abril 2024

Así funciona o efecto nocebo, o irmán perverso do placebo

O efecto nocebo é o culpable de que algunhas persoas sufran efectos adversos ao recibir un tratamento só porque os esperan de antemán. Un novo traballo revela claves deste curioso fenómeno: se o paciente cre que o fármaco é caro, os danos fanse máis intensos. As áreas cerebrais implicadas son similares ás do placebo.

O efecto placebo é o curioso proceso polo que un paciente sente que mellora a través dun tratamento inerte, que nada ten que ver coa súa enfermidade. Sábese que o efecto tende a ser maior se o tratamento é máis caro e se asocia a unha marca. Agora, un equipo de investigadores das universidades de Hamburgo, Colorado e Cambridge mostraron que o mesmo sucede co seu irmán malvado, o efecto nocebo.

Publicidade

Ante a expectativa dun efecto secundario, a impresión de que un tratamento é caro aumenta a probabilidade de que o dano apareza. Publícano na revista Science, xunto cunha descrición dos mecanismos cerebrais que teñen lugar.

Os científicos deseñaron un orixinal experimento con falsas cremas cutáneas

O efecto placebo observouse en fenómenos tan diferentes como o tremor do párkinson, as diarreas do colon irritable ou a hipertensión arterial. O máis estudado é a percepción da dor, desde que estudos con dentistas hai máis de 30 anos mostrasen que podía equivaler ao uso de 5 miligramos de morfina. Este foi o aspecto elixido no novo traballo.

“Moitos estudos centráronse no efecto placebo”, recoñece á axencia Sinc Alexandra Tinnermann, a primeira autora do artigo. Por desgraza, non hai tantos que investiguen o efecto nocebo porque eticamente é máis difícil, aínda que os investigadores están de acordo en que é importante minimizar os seus efectos na práctica médica. En ambos os dous  efectos desempeñan un papel importante a susceptibilidade individual, a memoria de episodios pasados, a información recibida e as expectativas particulares.

Para o seu novo traballo, os investigadores deseñaron un complexo procedemento co que illar a parte do nocebo vencellada ao prezo dun fármaco. Montaron un ensaio clínico ficticio no que usaban, supostamente, dous tipos de crema contra o picor da dermatitis atópica. En realidade tratábase do mesmo produto sen ningún principio activo.

Disfrazaron parte da loción nunha caixa e un tubo deseñados para semellar un fármaco caro, cunha marca inventada e cores azuis, que se relacionan con produtos novos e comerciais. A outra parte envolvérona en envases máis sinxelos, sen marca, con tons laranxas e brancos, que se asocian a medicamentos xenéricos.

Despois, informaron a 49 voluntarios de que o obxectivo era estudar os efectos secundarios de dúas cremas, unha máis cara que a outra, co mesmo principio activo, fabricadas por dous laboratorios distintos. Dixéronlles cal recibiría cada un e que podían provocar hipersensibilidade na pel. As cremas aplicábanse no brazo e, tras media hora, sometíase aos voluntarios a un termodo, un dispositivo que xera calor para provocar dor.

Os resultados foron rotundos: os que recibiron a crema “cara” referían sentir máis dor que quen se puxo a “barata”. As diferenzas aumentaban co tempo e as repeticións.

Os autores interprétano así: “Os participantes infiren que a medicación máis cara contén un axente máis potente e efectivo e, por tanto, produce máis efectos secundarios“.

Cando o medicamento é máis caro, o efecto nocebo é maior

Ademais, os investigadores desenvolveron un método de resonancia magnética que permitía estudar ao unísono e ao completo o sistema central da dor, desde a parte máis evolucionada do cerebro (o córtex) ata a medula espinal. Dúas rexións parecen mediar o efecto nocebo asociado ao prezo. Unha é o córtex cingulado anterior, xusto por detrás dos ollos: canto menos activado se atopa, máis aumenta a sensación de dor. Outra é a substancia gris periacueductal, máis abaixo, no tronco do encéfalo. Curiosamente, como sucede coa zona anterior, é unha área que tamén se activa co efecto placebo, pero a substancia gris faio a través de poboacións distintas de neuronas.

“Unha boa conclusión sería pensar que no efecto placebo e o nocebo participan as mesmas áreas, con patróns de activación diferentes”, asegura Tinnermann. Ambos os dous efectos concibíronse sempre como realidades opostas, pero non parecen independentes, senón dúas caras dun proceso similar.

A dor non é unha resposta universal. Patróns mentais máis ou menos conscientes poden regulala. “E esas áreas parecen ser o correlato do prezo no sistema nervioso”, sostén a investigadora.

Para Tinnermann, “estes resultados amosan que o placebo e o nocebo teñen un forte impacto sobre os efectos dos fármacos, a recuperación dos pacientes e o alivio dos seus síntomas. Os médicos deberían estar ao tanto disto, tratar de usalos para potenciar os seus efectos positivos e reducir os negativos”.

A ética do placebo e do nocebo

O uso do efecto placebo esperta conflitos éticos: administrar un tratamento inerte sen informar o paciente non é o procedemento ideal. Aínda así, o 12% dos médicos admite qu o emprega habitualmente, por exemplo, con pastillas de azucre. E ata o 77% recoñece usar placebos impuros: piden probas non indicadas para que o paciente senta “mellor atendido” ou receitan antibióticos contra enfermidades víricas, para as que son absolutamente ineficaces.

Segundo algúns expertos, o efecto nocebo pode espertar menos dilemas éticos, xa que a intención do médico debería ser a de minimizalo. Con todo, tampouco parece estar exento deles: ata que punto debe ocultarse información sobre posibles efectos secundarios para evitalos? Como debe comunicarse? A resposta é importante porque as súas consecuencias diarias non son menores.

Nun comentario ao novo artigo, publicado no mesmo número da revista Science, a doutora da universidade de Maryland Luana Colloca citaba un recente traballo sobre as estatinas, que son medicamentos para baixar o colesterol. Aínda que poden provocar efectos adversos, boa parte deles débense ao efecto nocebo. O feito de que os medios de comunicación difundisen a mensaxe de que suceden nunha de cada cinco persoas levou a que moitos pacientes con enfermidade cardiovascular abandonasen o tratamento. As consecuencias estímanse en miles de infartos e ictus que poderían evitarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ratos impotentes teñen ereccións tras aumentar unhas células do pene

A revista 'Science' publica un estudo en roedores transxénicos aos que se lles incrementou o número de fibroblastos

Detectado na atmosfera un novo tipo de composto químico moi reactivo

Un equipo danés descobre os trióxidos, formados por tres átomos de osíxeno unidos entre si, dos que, ata o momento, non había evidencias

Dez anos do ‘Experimento John e Jennifer’

Hai unha década, no ano 2012, un estudo da Universidade de Yale conmocionou ao mundo académico polos nesgos de xénero na universidade

Velaquí os fitos científicos máis importantes do 2021 segundo Science

Para a revista, a capacidade de predicir a estrutura tridimensional das proteínas mediante intelixencia artificial é a descuberta do ano