Venres 26 Abril 2024

Arterias de vidro para estudar as doenzas coronarias

A colaboración entre diversas áreas científicas como a Física e a Medicina pode dar lugar a invención de dispositivos que poden acabar mellorando a vida das persoas. E o que sucede co proxecto realizado por María Aymerich, pertencente ao grupo de investigación Fotonics for Life da USC, que acaba de obter o Premio de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para menores de 28 anos.

A investigación realizada por Aymerich aposta pola utilización da tecnoloxía láser para fabricar arterias artificiais sobre as que simular doenzas cardiovasculares e tumorais para o seu estudo nos laboratorios. O avance da investigación pode supoñer unha nova fonte de coñecemento sobre as particularidades deste tipo de doenzas tan comúns.

Publicidade

A investigación comezou hai catro anos coa colaboración da USC e do IDIS

 Segundo explica Aymerich, o proxecto xurdiu hai catro anos e conta coa colaboración de diversos grupos de investigación da USC e do IDIS. Os resultados acadados polo de agora permitiron a fabricación dun dispositivo de vidro, utilizando tecnoloxía láser, cunha textura rugosa para facilitar a adherencia de células (obtidas de cordóns umbilicais doados) ás paredes do vaso artificial, de maneira que non se desprendan durante os bioensaios.

“O dispositivo xa está validado biolóxicamente xa que as células crecen e permiten o paso dos fluídos. Agora estamos no momento de facer probas e ver como funciona”, sinala Aymerich, quen agarda que os ensaios que se vaian realizando permitan observar as diferenzas entre os diversos tipos de patoloxías que se producen nas arterias.

A capacidade de replicar a estrutura dos vasos sanguíneos reais para realizar experimentos pode contribuír de maneira decisiva a comprender os factores que favorecen este tipo de enfermidades (principais causas de mortalidade no mundo) e facilitar tanto a prevención como o seu tratamento.

O proxecto conta cunha axuda do Plan Nacional de Investigación

Algunhas conclusións do proxecto xa se publicaron na revista Biofabrication. O obxectivo final da investigación está orientado ao mellor coñecemento deste tipo de patoloxías que son moi frecuentes na poboación e máis entre as persoas maiores.

O proxecto galardoado co premio da RAGC ten a vantaxe de permitir a simulación de arterias máis grandes das abordadas ata o momento (como as bifurcacións coronarias) e mesmo de reproducir modelos personalizados, algo inédito ata agora.

O proxecto conta cunha axuda, concedida en 2015 dentro do Plan Nacional de Investigación, para o seu desenvolvemento. Aymerich, graduada en Físicas e cun máster en Fotónica, confía en poder seguir colaborando activamente con esta investigación aínda que a situación de precariedade dos investigadores non lle permite facer plans a moi longo prazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

A investigadora Cristina Candal presenta un traballo pioneiro sobre mala praxe científica

A tese inclúe a descrición das "paper mills", é dicir, organizacións ilegais que fabrican artigos para a súa venda