Martes 19 Marzo 2024

Agís Balboa participa nun estudo sobre posibles dianas terapéuticas contra o Alzheimer

O Alzheimer, xunto a outras doenzas neurodexenerativas e de trastornos da memoria, é un grave problema de saúde pública nos países avellentados. Aínda non ten cura nin é posible predicir quen o pode padecer e quen non. Investigadores de todo o mundo traballan para atopar algún indicio que poida contribuír a mellorar a calidade de vida dos pacientes. Neste aspecto enmárcase un artigo no que participou o investigador galego Roberto Agís Balboa, e que foi publicado en Cell Reports. Agís, investigador Ramón y Cajal no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur de Vigo, leva anos estudando os mecanismos epixenéticos e buscando biomarcadores que sexan eficaces no tratamento de trastornos psiquiátricos e doenzas neurodexenerativas.

O investigador explica que “a formación de memorias a longo prazo precisa a transcrición de xenes e da síntese de proteínas nas neuronas”. Neste aspecto xoga un papel relevante a epixenética, que é a mediación de cambios duradeiros ou hereditarios no fenotipo, é dicir, na manifestación da expresión xénica, sen cambiar a secuencia do ADN. Así, a epixenética é “un mecanismo perfectamente axeitado para provocar cambios celulares duradeiros que conserven a memoria durante toda a vida”. Agís expón o exemplo de dous xemelgos monocigóticos que debido a diferentes factores están expostos a ambientes diferentes, polo que manifestarán de distinto xeito a información que conteñen no seu ADN.

Publicidade

Estudaron o papel das enzimas que modifican as histonas, proteínas coas que se asocia o ADN

Neste ámbito, un mecanismo moi estudado é a modificación das histonas, as proteínas coas que se asocia o ADN dentro do núcleo da célula. Hai cinco tipos de histonas, que poden experimentar diversas modificacións químicas. Estes cambios, mediados por diferentes enzimas, poden activar ou inhibir a transcripción dos xenes, que é o paso anterior á síntese de proteínas. Neste punto, unha das cuestións sen resolver, segundo apunta Agís Balboa, é saber se estas enzimas teñen funcións redundantes ou roles específicos e insustituíbles na expresión xénica. “Saber isto ten especial importancia xa que estas enzimas están, cada vez máis, consideradas como potenciais dianas terapéuticas para tratar trastornos da memoria, como o Alzheimer ou a demencia”. Así, é preciso coñecer as funcións individuais e as dianas xenómicas das enzimas modificadoras das histonas para minimizar os efectos secundarios das futuras intervencións terapéuticas contra estas enfermidades.

O autor principal do artigo, Cemil Kerimoglu, propúxose estudar o papel de dúas enzimas, as histona metil-transferasas Kmt2a e Kmt2b, moi relacionadas coas neuronas do hipocampo, a rexión cerebral implicada na formación da memoria. Estas enzimas median o cambio químico (metilación) nunha histona, a H3K4. Dito cambio “é un candidato especialmente importante para a participación na aprendizaxe e na memoria, pero ata agora non recibira moita atención”.

Os investigadores traballaron no laboratorio con ratos, dos que eliminaron ou Kmt2a ou Kmt2b especificamente das neuronas do seu cerebro. Os científicos xa observaran anteriormente que os ratos aos que se lles eliminaba un deses xenes (Kmt2b) tiñan problemas de aprendizaxe.en comparación cos outros. Así, no estudo agora publicado demostraron que a supresión de ditos xenes tamén conduce ao deterioro da memoria. Por este motivo, os autores conclúen que as dúas enzimas estudadas son clave para a formación de memoria no hipocampo.

Xurdiu entón outra pregunta: Estas enzimas controlan as mesmas vías moleculares que conducen á formación da memoria ou cada unha ten a súa propia implicación única? Para sabelo, analizaron de novo aos individuos e observaron que o seu papel non se superpoñía. Concluíron, por tanto, que cada unha é responsable da metilación en dúas rexións xenómicas distintas. Sumando estes achados a outras comprobacións realizadas, puideron concluír que cada unha das enzimas fai a súa propia contribución á aprendizaxe e a memoria a través da activación de mecanismos moleculares únicos.

Os achados do grupo que dirixe Andre Fischer, e no que participa Agís Balboa, “realzan a importancia de botar luz sobre as funcións individuais das enzimas que modifican as histonas, en vez de tratalas como un bloque homoxéneo. “Os fármacos ou terapias deben ser específicos para cada enzima, xa que aínda que as enzimas sexan case idénticas, regulan rexións xenómicas únicas e actúan sobre xenes distintos, entre outras diferenzas”, sinala Agís Balboa. Así, pode acontecer que “se tratamos con un fármaco que actúe sobre estas dúas enzimas do mesmo xeito, pode ser peor o remedio que a enfermidade”. Ante isto, os traballos de Kerimoglu poderían propoñer estratexias máis eficaces e específicas contra doenzas como o Alzheimer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que os humanos non teñen cola? A resposta está nos “xenes saltóns”

Un estudo publicado na revista 'Nature' explica que secuencias móbiles de ADN propiciaron a perda deste apéndice

Os bebés con Down eran enterrados con rituais específicos na prehistoria europea

Unha investigación identificou seis casos de nenos e fetos, cinco deles de entre 5.000 e 2.500 anos atrás