Equipo do Departamento de Química Analítica da Universidade de Vigo. Foto: Duvi.

Equipo do Departamento de Química Analítica da Universidade de Vigo. Foto: Duvi.

A UVigo contribúe a investigación sobre a intoxicación por ciguatera

Esta doenza, causada polo consumo de peixe con ciguatoxinas, provoca problemas dixestivos e neurolóxicos

O consumo de pescado que contén ciguatoxina, biotoxinas mariñas que estarían presentes en especies de augas tropicais ou cálidas que se alimentan de algas ou dinoflaxelados tóxicos (Gambierdiscus toxicus), é a causa da intoxicación por ciguatera, que se manifesta cunha serie de síntomas dixestivos e neurolóxicos. Cunha incidencia mundial duns 50.000 casos ao ano, principalmente en zonas onde é habitual o consumo de peixes de arrecife como Australia, o Caribe, sur de Florida ou o Pacífico meridional, a detección entre 2008 e 2014 nas Illas Canarias de 11 brotes autóctonos de intoxicación por ciguatera, que afectaron a preto dun cento de persoas, foi o que prendeu as alarmas en Europa.

A aparición dun brote en Canarias prendeu as alarmas en Europa

Aínda que a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, EFSA, xa publicara unha opinión sobre toxinas emerxentes, é agora cando este organismo, xunto á Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición, Aecosan e 13 institucións científicas de España, Portugal, Francia, Alemaña, Grecia e Chipre, está a liderar o proxecto internacional Risk characterization of ciguatera food poisoning in Europe, dotado cun millón de euros e que durante catro anos se encargará de determinar a incidencia real desta intoxicación alimentaria en Europa, así como as características epidemiolóxicas dos casos e avaliar a presenza de ciguatoxinas nos alimentos e no medio ambiente europeo. A Universidade de Vigo, a través do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, é unha das institucións europeas que participan neste proxecto, no que, baixo a dirección da Ana Gago, centrarase “na caracterización do risco mediante técnicas instrumentais de cromatografía de líquido acoplada á espectrometría de masas”, explica a investigadora, ao tempo que participarán na preparación de estándares e materiais de referencia destes compostos, que illarán de mostras de peixe contaminado.

O equipo que dirixe Gago vén colaborando desde a aparición do problema coas autoridades canarias de saúde pública, así como coa administración alemá para a detección de ciguatoxinas en mostras de pescado importado do Índico, mais participar agora nun proxecto europeo centrado na avaliación e caracterización dun risco emerxente “supón un importante reto para un grupo de investigación, ao tratarse dun risco dun contaminante de alimentos de orixe mariña e incluso marca un fito importante nun departamento como o noso no que a análise de alimentos xoga un papel moi importante”, sinala a investigadora.

O grupo de Química Analítica colabora con 13 institucións europeas neste proxecto

A prohibición do consumo de pescado implicado neste tipo de contaminación, “os datos que se teñen especialmente en Canarias afectan fundamentalmente a especies de grandes tamaños de pesca deportiva (Seriola)”, puntualiza Gago, é a principal medida adoptada para evitar a intoxicación por ciguatera, pero trala aparición de casos no arquipélago español, Madeira e outras zonas do Mediterráneo, as autoridades europeas decidiron apostar con este proxecto internacional pola investigación para avaliar e caracterizar o risco da súa aparición na Unión Europea. Ana Gago, mesmo advirte que as intoxicacións detectadas poden chegar a afectar a outros puntos, “nas zonas de Europa de augas máis cálidas tamén podería darse este tipo de contaminación por toxinas do tipo de ciguatoxinas emerxentes doutros puntos da xeografía mundial, Pacífico, Índico e Caribe”, detalla.

Xunto á Universidade de Vigo, Aecosan, o Centro Nacional de Epidemiología do Instituto de Salud Carlos III, o Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries, a Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e o Servicio Canario de Salud completan a participación española neste proxecto internacional que engloba un total de 13 institucións científicas da Unión Europea. A iniciativa conta, así mesmo, co apoio do Joint Research Centre, a propia Comisión Europea, o Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades e co asesoramento científico dos doutores Takeshi Yasumoto, doJFRL (Xapón), Ronald L. Manger, do Fred Hutchinson Cancer Research Centre (EEUU) e Robert Dickey, do Marine Science Institute (EEUU), expertos internacionais nesta materia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.