O programa e-Motional Training da USC.

O programa e-Motional Training da USC.

Nova técnica da USC para recoñecer emocións faciais na esquizofrenia

Investigadores do Grupo de Psiquiatría Clínica desenvolven este sistema para activar as neuronas espello

Cando vemos unha expresión emocional, de forma inconsciente os nosos músculos faciais contráense imperceptiblemente reproducindo esa expresión; un efecto que se supón producido polos chamados sistemas de ‘neuronas espello’ que reaccionan cos mesmos circuítos cerebrais que se activarían se a acción a realizáramos nós.

No caso de pacientes con esquizofrenia este proceso non se produce coa mesma facilidade. As persoas con esta enfermidade presentan mímica facial atípica cando se lles mostran caras con expresións faciais, o que é un signo indirecto das dificultades que teñen para identificar as emocións nos rostros e, por tanto, para interpretar as intencións ou sentimentos dos demais.

Para mellorar o recoñecemento de emocións faciais na esquizofrenia realizáronse diversos experimentos que empregan a mímica, in vivo, facendo teatro con espellos, e que se integraron en diferentes programas de rehabilitación en grupo. Partindo desas probas iniciais, o grupo de Psiquiatría Clínica, Psiquiatría Social e Psicoterapia da USC que lidera Raimundo Mateos estuda cómo automatizalas para que o paciente poida realizar os adestramentos dende a súa casa.

O paciente pode realizar os adestramentos dende a súa casa

En concreto, un dos membros do grupo, Alejandro García Caballero, lidera unha investigación que busca demostrar a eficacia dunha nova técnica para mellorar ese recoñecemento a través dun software –o elixido foi o da empresa holandesa Sightcorp– que fai medicións da emoción que representa o paciente na súa cara imitando un modelo. “Temos novos resultados de mímica que demostran que o adestramento computarizado axuda os pacientes a mellorar o recoñecemento de emocións”, asegura.

“O programa dános inicialmente un output cunha porcentaxe de emoción en cada foto, cuxos resultados gamificamos para darlle ao usuario unha experiencia de xogo que sexa gratificante”. Este novo sistema probouse con éxito nun primeiro ensaio piloto aleatorizado na asociación Albores de Monforte, base da tese doutoral da investigadora Carmen Armas, tamén do mesmo grupo. “Agora o que estamos buscando é a dose mínima eficaz, o menor número de sesións que produce melloría”, explica García duns experimentos que constitúen o traballo de fin de grao de Medicina de Miguel Becerra e Lía Blasco.

O programa forma parte da plataforma www.e-motionaltraining.com financiada polo Servizo Galego de Saúde por medio de Fondos Feder, no contexto do Programa PRIS de innovación.

Second Chance, tamén da USC, xa é o mellor videoxogo de saúde

A investigación deste grupo da USC xa está a dar os seus froitos. Non en van, o videoxogo Second Chance, que supón o traballo de doutoramento de Francisco Diaz Llenderrozas, gañou recentemente o premio ao mellor videoxogo destinado á saúde no III Congreso de Xogos de Saúde celebrado hai unhas semanas en Madrid.

Trátase dun programa de adestramento en cognición social dirixido tanto a pacientes con trastornos mentais como a poboación non clínica co obxecto de mellorar as súas habilidades en contornas sociais a través dun xogo con diferentes finais e tomas de decisións. Intégrase nun portal que rexistra a evolución dos usuarios ao tempo que permite non só o seu uso de maneira individual senón que fomenta a súa utilización en terapias de grupo e en consultas presenciais con pacientes.

Aínda que nun primeiro momento o xogo –que o Sergas ofrecerá en 2017– se está a  probar en pacientes con trastornos mentais, os investigadores salientan as súas posibilidades de utilización no eido educativo. O videoxogo realizouno a empresa vasca Virtualware, mentres que a encargada de desenvolver a nova plataforma é a galega Plexus.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.