Venres 29 Marzo 2024

A talasoterapia reúne ciencia e turismo saudable

O turismo de saúde está en auxe e con el gaña forza un dos seus produtos estrela, a talasoterapia, un sector que naceu coma unha variante da hidroterapia e do termalismo, e que hoxe en día está sendo cada vez máis reivindicada polos turistas que visitan zonas costeiras. Así o expuxo a profesora do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Mª Elisa Alén, nunha das primeiras sesións plenarias do I Congreso Internacional de Talaso: Saúde e Benestar, unha cita organizada polo Grupo de Física Aplicada da Universidade de Vigo en colaboración co Talaso Atlántico, e na que durante tres días arredor de 200 profesionais e especialistas debaterán sobre a situación actual do sector e os retos aos que deberán facer fronte no futuro.

Asistentes ao Congreso nas instalacións do Talaso
Asistentes ao Congreso nas instalacións do Talaso

Hoxe, tal e como lembrou esta experta universitaria, hai unha tendencia crecente a que a que as persoas se autoresponsabilicen da súa saúde e cada vez hai máis xente para a que a saúde é a súa prioridade en todas as actividades que realiza, incluída a turística. Isto leva a que o turismo, temática na que centrou a súa intervención Alén, se vexa dobremente influído, xa que por unha parte se aumenta a demanda de destinos saudables e, pola outra, a de destinos sanitarios, pola infraestrutura sanitaria da que están dotados para poder atender ás persoas que viaxan por motivos de saúde.  Neste contexto encadrou Alén a expansión da talasorapia, un sector no que, segundo expuxo, Francia segue a ocupar o primeiro lugar a nivel internacional.

Publicidade

A intervención de Alén tivo lugar tras a inauguración oficial do encontro, á que acudiron Asunción Longo, vicerreitora de Investigación e Transferencia; Belén Rubio, decana da Facultade de Ciencias do Mar; Lourdes Mourelle, presidenta da Sociedade Galega de Talasoterapia, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora do congreso, xunto ao profesor José Luis Legido; José Luis Maestro, da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, e os alcaldes de Baiona e Oia, Ángel Rodal e Cristina Correa.

Ademais da intervención de Elisa Alén, centrada no eido do turismo, esta primeira xornada do congreso incluíu tamén outras sesións plenarias nas que os participantes tiveron a oportunidade de achegarse aos principais conceptos e antecedentes relacionados coa talasoterapia, as súas indicacións terapeúticas ou, xa pola tarde, coñecer en detalles as accións que está a levar a cabo a Axencia Galega de Turismo na promoción da talasoterapia.

Francia segue ocupando o primeiro lugar internacional como destino de talasoterapia

Ademais das sesións plenarias, o congreso inclúe a exposición de múltiples traballos en forma de comunicación oral, formato elixido polo grupo de José Luis Legido para dar conta dalgúns dos seus últimos achados. Nesta liña, presentaron resultados sobre as propiedades físicas das microalgas mariñas para usos en talasoterapia e sobre as actividades farmacolóxicas das algas, unha completa revisión científica sobre os usos farmacéuticos e médicos destes produtos mariños que, segundo relataron, van dende desde os usos antibióticos ata anti-diabéticos, anti-hipertensivos ou anti-coagulantes.
Tamén desde a Universidade de Vigo, o equipo do profesor Jesús M. Torres-Palenzuela, aproveitou este escenario para facer unha presentación detallada da rede de investigación Bioauga: biorremediación de augas doces contaminadas, formada por un total de 14 grupos pertencentes ás tres universidades galegas, co obxectivo de xuntar estratexias para avanzar nos procesos de biorremediación dos recursos hídricos degradados, mediante o desenvolvemento de metodoloxías e tecnoloxías transferibles ao sector industrial galego de cara a acadar unha mellora no uso eficiente dos recursos naturais.

As tres universidades galegas traballan unidas nun proxecto de biorremediación de augas doces contaminadas

O obxectivo deste encontro, que se prolongará ata o mércores, é reunir a científicos, terapeutas, xestores turísticos, empresas e institucións para unha posta en común sobre os retos aos que se enfronta o sector da talasoterapia, un sector que “ten un forte desenvolvemento en Francia, Alemaña ou Italia” pero que aínda está arrancando na península ibérica, como comentou na presentación do encontro o profesor José Luis Legido, un dos organizadores do congreso xunto ás tamén docentes da Universidade de Vigo Lourdes Mourelle e Carmen Gómez e aos membros de Talaso Atlántico Vanesa Seoane e Salvador Ramos. “Neste momento é Iberoamérica a que amosa un grande interese por este campo e por realizar actividades de divulgación, como a Ruta do Cantábrico que temos nós e que inclúe un percorrido polos centros de talasoterapia do sur de Francia e polos talasos existentes en San Sebastián, Santander, Gijón, A Coruña, A Toxa e Oia”, salientou Legido.

Para facilitar a participación de expertos e expertas a ambos os dous lados do charco, ademais da opción presencial o congreso, son tamén moitos os expertos e expertas que están a seguir este encontro na súa versión en liña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...