Na investigación participan un cento de nais e crianzas de toda Galicia

Na investigación participan un cento de nais e crianzas de toda Galicia

Insecticidas na placenta e no leite materno poderían ter relación co autismo

Un estudo da UVigo atopa contaminantes orgánicos en mostras biolóxicas de nais e bebés

Un equipo do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo está a desenvolver un estudo para analizar a presenza dalgúns contaminantes, como os retardantes de chama presentes nas tapicerías e cortinas ou os insecticidas de uso doméstico e mascotas, na placenta e no leite materno. Existe unha preocupación crecente, en base a datos epidemiolóxicos e clínicos, de que a exposición temperá a estes compostos, coñecidos como contaminantes orgánicos persistentes (COP) e pseudopersistentes, afecta ao sistema neurolóxico humano e pode conducir a deficiencias no seu desenvolvemento e problemas de aprendizaxe.

Tania Fernández, Jesús Simal e Elena Martínez, autores do estudo.

Tania Fernández, Jesús Simal e Elena Martínez, autores do estudo.

Para isto, o equipo, formado polo catedrático Jesús Simal, a profesora titular Elena Martínez Carballo e a investigadora predoutoral Tania Fernández, está a desenvolver un seguimento no embarazo e nos dous primeiros anos de vida do bebé para detectar a presenza destes contaminantes en nai e fillo e a posible transferencia dun a outro a través da placenta e do leite materno. Os niveis detectados relacionaranse coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista (TEA).

Nas primeiras análises de placenta aparecen elementos como retardantes de chama e insecticidas de uso doméstico. Os resultados previos da análise das placentas reflicten a presenza de contaminantes estudados, como retardantes de chama, presentes nas tapicerías e cortinas, e de insecticidas de uso doméstico e de mascotas.

No traballo participan arredor dun cento de mulleres e os seus fillos, residentes nas catro provincias galegas. O estudo, iniciado no 2014 na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, atópase agora na fase de seguemento tras o parto. Os resultados, sinalan os investigadores, poderían estimular a que gobernos e institucións asuman medidas de control da contaminación ambiental e alimentaria co fin de diminuír os riscos para a saúde da poboación xeral.

Os resultados poderían forzar ás institucións a tomar medidas de control

A exposición aos contaminantes químicos, sexa por hábitos alimentarios ou exposición ambiental, é un tema de crecente interese nas investigacións no eido da saúde, tal e como explican os investigadores ourensáns. Cando o organismo absorbe estes compostos, poden distribuírse ao resto do corpo a través do torrente sanguíneo. As etapas do embarazo e a lactancia son dous momentos de especial interese para os investigadores, debido á súa repercusión na saúde das crianzas.

Á hora de analizar a relación dos niveis destes contaminantes coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista hai que ter en conta que se estima que a nivel mundial un de cada 150 nacidos sufre Trastorno do Espectro Autista e só 20 anos atrás a proporción era de un por cada 10.000 nacementos. Existen, comentan os promotores do proxecto, evidencias que suxiren que os factores medio ambientais teñen unha importante contribución ao retraso no desenvolvemento e ao autismo en nenos. “Hai estudos que avalan a hipótese de que algúns contaminantes presentan efectos neurolóxicos sobre o sistema nervioso central afectando ao desenvolvemento e ás capacidades cognitivas e de aprendizaxe dos nenos, especialmente durante os dous/tres primeiros anos de vida. De igual forma tamén se relacionan co Trastorno de Espectro Autista”, sinalan.

Un de cada 150 nacidos sufre TEA; hai 20 anos era un de cada 10.000

Neste contexto, o obxectivo principal do estudo que se está a levar a cabo no Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias é cuantificar a presenza de contaminantes químicos orgánicos en poboación galega materno-infantil especialmente exposta a estes contaminantes froito dos seus hábitos alimentarios ou por exposición ambiental, xa sexa laboral ou doméstica, co fin de avaliar o seu impacto na saúde neurolóxica deste grupo de poboación. Para facelo, o estudo parte da análise do nivel de contaminantes químicos orgánicos propios da nai e que poderían chegar ao feto a través do intercambio de substancias a través da placenta. Isto conséguese coa análise de mostras de cabelo da nai, para coñecer as súas taxas de contaminantes, e mostras de placenta o de meconio, para coñecer os niveis de contaminación que poderían chegar ao feto.

O seguinte paso do estudo é coñecer os niveis de contaminantes químicos orgánicos que chegan aos lactantes a través do leite materno ou froito da súa exposición a contaminantes ambientais. Para elo, a investigación inclúe a análise do leite materno e mostras de cabelo do lactante aos seis meses de idade. Compararanse dous grupos de nenos, un alimentado con lactancia materna e outro alimentado con leite artificial exclusivamente. Feitos estes pasos, o seguinte será controlar como evolucionan o perfil e o grao de contaminación por contaminantes químicos orgánicos nos nenos durante os dous primeiros anos de vida froito da herdanza recibida da nai, dos seus hábitos alimentarios e da contorna na que se desenvolven. Avaliarase o impacto dos niveis de contaminantes encontrados no estado físico, cognitivo, psicomotor e neurolóxico do neno aos 6, 12, 18 e 24 meses, facéndoselle un seguimento tamén pediátrico.

Unha resposta a “Insecticidas na placenta e no leite materno poderían ter relación co autismo”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.