Un estudo no que participa o investigador ferrolano Diego Bellido podería ter a chave na loita contra a cronificación da obesidade. Segundo as conclusións tiradas do artigo, que foi publicado na prestixiosa revista Endocrine, confírmase que a obesidade crónica está causada pola inflamación interna das células de graxa presentes no organismo. Este descubrimento fai posible a loita eficaz contra esta doenza, que en Galicia afecta a un 23,9 por cento da poboación, a porcentaxe máis alta do Estado.

Diego Bellido Guerrero.
No ensaio clínico participaron 29 pacientes obesos de entre 18 e 75 anos, cun índice de masa corporal de entre 30 e 35. O grupo de control, composto por 15 persoas, recibiu unha dieta rica en proteínas e un placebo. Os 14 pacientes restantes recibiron unha dieta baixa en hidratos de carbono e graxas, á que se lle incorporou un suplemento de ácidos graxos omega 3 DHA. Este segundo grupo amosou un efecto antiinflamatorio a nivel celular que impedía a recuperación do peso perdido. A elevada presenza de moléculas antiinflamatorias mantíñase dous meses despois de reducir a dose de DHA á metade, o que permite falar de protección a longo prazo. Debido a isto, o estudo supón unha innovación médica sen precedentes, xa que é o primeiro traballo realizado integramente en España que identifica as causas internas da cronificación da obesidade.
O doutor Diego Bellido Guerrero (San Fernando, Cádiz, 1957) é coordinador da Unidade de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e vicepresidente da Sociedad Española para el Estudio de la Obesidad (SEEDO). O traballo no que participou Bellido levouse a cabo no Centro de Investigación de Endocrinología y Nutrición Clínica do Hospital Universitario Río Hortega (Valladolid), e foi coordinado polo doutor Daniel de Luís, especialista en endocrinoloxía, diabetes e nutrición do Hospital Clínico Universitario de Valladolid.