A porcentaxe de mortes de mulleres por causa do tabaco medra a un ritmo de máis dun 4 por cento anual

A porcentaxe de mortes de mulleres por causa do tabaco medra a un ritmo de máis dun 4 por cento anual

As mortes de mulleres por tabaquismo en Galicia medran o 4,4% anual

Un estudo califica de 'alarmante' o incremento entre mulleres novas, mentres baixa a mortalidade nos varóns

60.000 mortos cada ano en España, máis de 3.500 delas en Galicia, e máis vítimas que o conxunto dos falecidos por alcol, accidentes de tráfico e drogas ilegais. A porcentaxe de poboación fumadora  segue unha tendencia á baixa pero a mortalidade relacionada co tabaquismo aumenta de forma sostida no conxunto do Estado. Este 31 de maio, como cada ano, a Organización Mundial da Saúde conmemora o Día Mundial sen Tabaco, co fin de concienciar á poboación sobre o perigo que ocasiona esta droga legal.

En Galicia, varios estudos alertan do aumento de mortes de mulleres a causa do tabaquismo. A investigación Mortalidad atribuida al consumo de tabaco en Galicia, 1980-2007, conclúe que “en mulleres xóvenes, o aumento da mortalidade atribuída [ao tabaco] é alarmante”. O traballo, publicado no 2010, recomendaba a posta en marcha de campañas de prevención desde a perspectiva de xénero. Os datos, lamentablemente, non pareceron mellorar desde entón.

Máis de 3.500 persoas morren cada ano en Galicia por doenzas derivadas do tabaquismo

A crecente mortalidade por causas asociadas ao tabaco é un dos problemas de saúde máis graves aos que se enfrentan as mulleres en España. A incorporación feminina a este hábito nas últimas décadas ten gran parte de culpa nese incremento. Segundo un estudo da Universitat Internacional de Catalunya, a taxa de falecementos por este motivo aumentou a razón dun 4,4 por cento anual entre 1997 e 2013, especialmente nas mulleres de 45 aos 64 anos. No mesmo período, a tendencia de mortes causadas polo tabaco nos homes foi diminuíndo. Outros datos ofrecen unha perspectiva máis crítica, xa a Asociación Española Contra o Cancro afirma que as mortes de mulleres causadas polo tabaco medran a razón dun 7 por cento anual. En termos absolutos, a alarma aínda é maior. Segundo o estudo Impacto del consumo de tabaco sobre la mortalidad en España en el año 2012, coordinado polo investigador Eduardo Gutiérrez Abejón, un de cada catro falecidos por causa do tabaco en 2012 era muller. É dicir, o 25 por cento. No 1998, esta cifra era só do 8 por cento.

Neste 2016, a estratexia da OMS no Día Mundial Sen Tabaco céntrase na defensa dun empaquetado neutro para as caixas de tabaco, diminuíndo o atractivo dos paquetes e aumentando a eficacia das advertencias sanitarias que se deben incluír nos envoltorios. Esta proposta indica que se debe dedicar o 65 por cento da superficie da caixa ás advertencias sobre os perigos do tabaco, tanto con mensaxes como con fotografías. Pero España aínda está lonxe de facer efectiva estas directrices da OMS. En Europa, só Irlanda, Francia e Reino Unido cumpriron con estas esixencias.

Os avances na lexislación contra o tabaco impulsados polo goberno de Rodríguez Zapatero conseguiron reducir de xeito constante as cifras de fumadores, pero as consecuencias do hábito seguen sendo graves. En 1998 fumaba un 36 por cento dos adultos maiores de 16 anos, mentres que no 2012 a cifra caeu ao 24 por cento (un 20,2 por cento en Galicia). Aínda así, España é o noveno país da UE en porcentaxe de fumadores, pero segue sendo o lugar onde máis cedo se empeza a fumar. A media está nos 17,19 anos. En Galicia, segundo os datos do INE, os mozos comezan a fumar aos 16,92 anos, mentres que as rapazas fano aos 17,73 anos, unha idade lixeiramente inferior á media española.

Actualmente, o tabaco é o responsable de arredor dun 30 por cento das mortes por cancro, un 20 por cento dos falecementos por enfermidades cardiovasculares e dun 80 por cento das enfermedades pulmonares obstructivas crónicas (EPOC), que afectan a dous millóns de persoas en España. Estímase que un 50 por cento dos fumadores habituais morrerán a causa de doenzas relacionadas co consumo de tabaco.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.