Agís-Balboa sostén que "existe unha correlación" entre o que se demostrou na investigación con ratos e a clínica que se observa en humanos.

Agís-Balboa sostén que "existe unha correlación" entre o que se demostrou na investigación con ratos e a clínica que se observa en humanos.

“A marihuana na adolescencia é un cóctel molotov para o cerebro”

O investigador galego Roberto Agís-Balboa vén de asinar unha investigación que demostra en ratos os efectos dañinos desta droga para a memoria

Son numerosos os estudos científicos que poñen en relación o consumo de marihuana nos mozos e mozas con posteriores problemas de memoria e saúde mental. O investigador galego Roberto Agís-Balboa vén de asinar, xunto a colegas doutros países, un traballo que demostra a relación entre o consumo de cannabis na adolescencia e os déficits de aprendizaxe e memoria na idade adulta. Os resultados do experimento, realizado en ratos e dirixido polo científico catalán Jordi Tomás-Roig, acaban de ser publicados na revista Addiction Biology.

Nesta investigación, o equipo co que traballou Agís-Balboa inxectoulle a ratos ‘adolescentes’ (dunhas cinco semanas de idade) un canabinoide sintético (WIN55212.2) ao longo de tres semanas, día a día. Posteriormente, deixouse repousar aos animais durante cinco semanas e, unha vez chegados á idade adulta, realizáronse con eles dúas probas de memoria e aprendizaxe (Water Maze e Fear Conditioning). Observouse entón que, fronte a outros ratos que non recibiran a dose do canabinoide, os animais que foran inxectados amosaban máis problemas de memoria nestas probas.

Roberto Agís-Balboa.

Roberto Agís-Balboa.

Explica Agís-Balboa que “a continuación, illouse o hipocampo do cerebro dos ratos e estudamos as rexións CA, moi importantes para a aprendizaxe e a memoria, onde se expresan receptores para canabinoides. Fixemos experimentos a nivel molecular para medir os niveis de endocanabinoides e vimos que un en concreto, AEA, aumentaba os seus niveis nos ratos tratados con ese composto a doses altas. O aumento de AEA no hipocampo asóciase a déficits de memoria e aprendizaxe, polo que se correlaciona perfectamente co noso resultado”, resume o científico galego.

Máis adiante, o grupo tamén estudou as relacións entre o xenoma dos ratos e as interaccións co medio ambiente. Balboa sinala que “o uso repetido de drogas estimulantes produce disfuncións de conducta e alteracións na expresión dos xenes debido a cambios a nivel epixenético (por exemplo, modificando a metilación do ADN), así que decidimos analizar os niveis de metilación de varios xenes. Atopamos que o xen Rgs7 hipermetílase nos ratóns tratados co canabinoide. Sábese que este xen é importante en varias funcións cerebrais e regula os receptores de canabinoides CB1″. O científico galego apunta, por tanto, que este proceso de hipermetilación diminúe a expresión do xen e, dalgunha maneira, deixa sen control a resposta dos receptores aos canabinoides, o que podería contribuír tamén aos déficits de aprendizaxe e memoria.

En definitiva, “os ratos tratados con marihuana sofren un significativo deterioro na memoria e á súa vez, os animais expostos a doses máis elevadas sufren un empeoramento respecto aos tratados coa dose máis baixa”. Este feito evidencia que a intoxicación por cannabis ten efectos severos, que dependen tamén da duración do consumo, da dose e da etapa vital na que se atope o individuo. Por tanto, “existe unha correlación entre o que atopamos en ratos e a clínica que se observa en humanos. O interesante agora é ver se o mesmo acontece nas persoas, e indagar nese mecanismo”.

Os ratos que foran tratados cun canabinoide amosaban maiores dificultades nas probas

Estes danos agrávanse se o consumo se fai na adolescencia. Segundo Agís Balboa, “a metilación do ADN está como descontrolada na adolescencia, alterando a expresión de moitos xenes. Isto, unido a que esa etapa é unha fase de cambio, onde se forma a personalidade, o tránsito cara a idade adulta, etc. Se a todo isto lle engadimos o consumo de drogas, o resultado pode ser un cóctel molotov para a nosa saúde e o noso cerebro”. O científico apunta, ademais, que “certas modificacións epixenéticas poden transmitirse en certos casos incluso as xeracións futuras, segundo apunta algún estudo. Sería interesante saber que pasa nas adiccións e en circustancias coma as do noso estudo, se esto é así tamén”.

Segundo os datos de 2015 do Observatorio Español de la Droga y las Toxicomanías (OEDT), un 6,1 por cento dos galegos e galegas entre 15 e 64 anos consumiron cannabis nos últimos trinta días. Nos mozos e mozas de 14 a 18 anos, a porcentaxe medra ata o 11,9, segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela publicado tamén o pasado ano.

Esta investigación, segundo apunta Roberto Agís-Balboa, xorde das conversas co director do estudo, Jordi Tomás-Roig, científico da universidade alemana de Goettingen e coa doutora Havemann-Reinecke, do mesmo centro. Agís-Balboa é investigador Ramón y Cajal no grupo de Neurociencia e Enfermidades Psiquiátricas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. As súas principais liñas de investigación céntranse nas interaccións xenoma-ambiente que ocorren durante o deterioro cognitivo asociado ao envellecemento, os trastornos psiquátricos e as enfermidades neurodexenerativas e, por outra banda, buscar biomarcadores e dianas terapéuticas para diagnosticar e tratar as doenzas psiquiátricas e neurodexenerativas.

2 respostas a ““A marihuana na adolescencia é un cóctel molotov para o cerebro””

  1. fumeta

    Grandes gciencia!! Da apoloxía do consumo do alcohol, ao que seica lle encontraron millentas propiedades terapeuticas investigadores do país, pasamos ao “que maloh son loh porroh”. Que morran milleiros de persoas anualmente por mor da primeira droga citada dá igual. Por certo, soa raro iso de que os efectos do consumo de cannabis pasa ás seguintes xeracións? Eló, produce mutacións nos xenes que se transmiten? Soa raro, raro, eh…

    • Sorprendida

      Milleiros de propiedades terapéuticas do alcol?? Cales son esas?
      Porque aparte de que sexa vasodilatador cando se inxire en pequenísimas doses e diminúa así o número de eventos cardiovasculares… E que se use para “matar” nervios que dan neuralxias e tumores hepáticos, non vin eu ningunha outra propiedade terapéutica do alcol. Ah! E para limpar feridas, claro.

      Tes toda a razón en que socialmente non se lle está dando a importancia que ten ó alcol, pero non quita que a marihuana sexa dañina.

      Con respecto á pregunta de cómo se podería transferir á seguinte xeración o dano, poderíase facer a través da modificación epixenética do material xenético dos gametos, que non deixan de ser células do noso corpo expostas tamén ás substancias que consumimos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.