isatina profesor

O profesor Lorenzo Justo, autor do estudo.

A isatina pode contribuír á loita contra o párkinson

Unha nova investigación descrebe os efectos da sustancia endóxena sobre a dopamina, neurotransmisor deficiente nesta enfermidade

Unha substancia endóxena, que xera o propio corpo “pero que non se sabe exactamente como se produce, xa que hai moi poucos estudos sobre ela”. Isto é a isatina, segundo destaca o profesor da Facultade de Fisioterapia Lorenzo Justo, que centrou a súa tese de doutoramento nun composto “con moito potencial”. De feito, as principais conclusións da súa investigación abren a porta a que esta pouco estudada substancia “poida ter aplicacións na segunda enfermidade neurodexenerativa máis prevalente”, o párkinson, xa que, explica, “a administración de isatina permite incrementar os niveis de dopamina, un neurotransmisor que se atopa diminuído no párkinson, o que provoca as alteracións motrices que caracterizan esta enfermidade”. De feito, as probas realizadas sobre os seus efectos amosaron que a isatina actúa como inhibidor da monoamino oxidasa (MAO), principal encima encargado da degradación da dopamina.

Aínda que as súas potencialidades como axente antiparkinsoniano xa foran obxecto de análise por parte da comunidade científica, “sobre esta substancia só hai estudos illados”, como apunta Justo, que incide en que “realmente sábese moi pouco sobre esta substancia, que se observou en concentracións incrementadas na urina de pacientes con párkinson, pero que tamén pode estar presente en tecido nervioso”, como describe na súa investigación. A tese que levou a cabo cos profesores Rafael Durán e Lilian Rosana Ferreira como titores e coa colaboración do docente Miguel Alfonso Pallares, membros do grupo de investigación Laboratorio de Neuroquímica, permite “achegar información sobre o funcionamento neuroquímico deste composto, que, aínda que nunca se poida chegar a usar como un fármaco, o corpo vaino seguir producindo de maneira endóxena, o que xustifica a investigación”.

A isatina a xera o propio corpo, pero non se sabe como se produce

Neste senso, Justo explica ao Diario da Universidade de Vigo (DUVI) que “o que conclúe a tese é que é un inhibidor da MAO, que presenta unha acción neuroquímica complexa ademais da inhibición encimática”. A monoamino oxidasa, explica este docente, é “un encima que temos todos de forma natural e que se encarga de degradar diversas substancias, entre elas a dopamina ”. Inhibir este encima “é unha das estratexias utilizadas para combater o párkinson, xa que impide a degradación de dopamina, neurotransmisor deficitario nesta patoloxía”, explica Justo, que apunta que actualmente xa se comercializan fármacos inhibidores deste encima para o tratamento sintomatolóxico do párkinson e incide en que algúns estudos apuntan a que poden ter capacidade neuroprotectora.

Tanto o autor da tese como o seu titor Rafael Durán deixan claro que a investigación realizada non permite concluír que esta pouco coñecida substancia vaia converterse o día de mañá nun medicamento. “Iso é algo hipotético, terían que pasar moitos anos e moitos estudos clínicos”, deixa claro Justo, que non obstante incide en que o xa demostrado é que “é evidente que o composto ten relación con esta enfermidade”. Agora “quedan aínda moitas investigacións por facer”, sobre o vínculo da isatina co párkinson e a súa posible aplicación terapéutica. “Isto cómpre deixalo claro, debemos ser rigorosos, nós só podemos describir o mecanismo neuroquímico polo que actúa e achegar datos de combinacións con outros fármacos en animais de experimentación, non se pode extrapolar máis aló”, engade Durán.

“Terán que pasar moitos anos para converterse nun medicamento”, avisan os científicos

De feito, un dos eixos centrais do estudo de Justo son precisamente os efectos do uso conxunto da isatina con algúns dos fármacos que se empregan para combater o párkinson, así como o xeito no que afecta a outros neurotransmisores. “O principal cambio que se detectou foi nos niveis de glutamato, aínda que é difícil determinar as consecuencias que implica este incremento”, explica este investigador, que apunta tamén que coas análises neuroquímicas realizadas “detectamos dúas ou tres combinacións positivas con outros fármacos antiparkinsonianos”. Asemade, Justo engade que “resulta interesante estudar a interacción entre a isatina e os fármacos para o párkinson, xa que a isatina estará presente nos pacientes que padezan esta enfermidade e que ademais estarán baixo tratamento”.

Mais, nese senso, os responsables desta investigación inciden en que nestes resultados inflúe tamén tanto a dose como o método de subministración da isatina escollido. “Para administrar a isatina e avaliar como evolucionan os niveis de neurotransmisores, empregamos cirurxía estereotáxica, xunto con microdiálise cerebral e HLPC”, explica Durán. Con esta metodoloxía, administrouse isatina directamente no cerebro de ratas que “se atopaban conscientes, en libre movemento” mediante un dispositivo denominado sonda de microdiálise, o que constitúe, segundo explica, Justo, un dos aspectos innovadores desta investigación, xa que “a maioría dos estudos que se realizaron sobre a isatina foron empregando unha administración sistémica, mentres que esta técnica experimental permite un estudo máis focalizado ”.

“Outro dato moi interesante da isatina é que en pacientes con párkinson os niveis desta substancia na urina son máis elevados”, salienta Justo, que incide en que son moitas as cuestións abertas respecto desta substancia. Neste senso, incide en que “polo de agora non se sabe por que se elevan eses niveis de isatina, aínda que se postula que pode ser debido ó estrés neural causado pola enfermidade ou como mecanismo compensatorio en resposta ós baixos niveis de dopamina no cerebro”. Nese senso, esta investigación abre tamén a hipótese de que esta substancia, que non ten polo de agora usos clínicos, puidese servir tamén “como un biomarcador” desta enfermidade, como engade Durán. Segundo relata Justo, as investigacións realizadas ao respecto aluden á presenza duns valores máis elevados na urina segundo o grao de avance da enfermidade, polo que podería “axudar a detectar casos ou a cuantificar a gravidade da enfermidade”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.