fisioterapeutas

Así se dan os 10.000 pasos ao día que melloran a nosa saúde

O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia lanza un vídeo que amosa os beneficios para o sistema inmune, a circulación e os ósos

Dar 10.000 pasos ao día aumenta o noso número de células inmunolóxicas e provoca que as defensas do noso organismo incrementen a súa efectividade máis dun 30%. Así o aseguran os Colexios Profesionais de Fisioterapeutas de Galicia, Madrid, Cataluña, País Vasco a través do seu videoconsello de maio da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”.

Os fisioterapeutas explican que se damos uns 10.000 pasos ao día, o exercicio reportará beneficios para saúde; se se aumenta o número de pasos ata 12.000 (9,6 km), comézase a perder peso de forma apreciable; e se superamos os 17.000 pasos (un 13,6 km) estarase a facer un exercicio aeróbico moi eficaz.

Ao camiñar movemos 200 dos 650 músculos do noso corpo (un 30% de todos o noso sistema muscular), o que converte a esta actividade, se se practica de forma regular e a certa velocidade (12min por km ou 5 km por hora), nun bo exercicio para manterse en forma e combater moitas enfermidades do corazón, así como problemas de circulación, osteoporose, infeccións e de sobrepeso.

Ao camiñar movemos 200 dos 650 músculos que ten o noso corpo

Camiñar tamén fortalece os músculos da cadeira, coxas e pernas; regula a presión sanguínea, diminuíndo o perigo de infarto e mellorando a actividade cardíaca; apoia a rexeneración ósea, xa que o calcio dos alimentos aprovéitase máis se se activan os ósos regularmente; e axuda a reducir a tensión.

Camiñar constitúe por tanto unha actividade física sá e agradable: ao ser en realidade o movemento natural do ser humano, non  sobrecarga os ligamentos, as articulacións, nin os tendóns, co que se reduce o risco de lesións.

Con todo, os fisioterapeutas sinalan que o camiñar por si só non axuda a adelgazar, para o que é necesario acompañar o exercicio dunha inxesta de alimentos moderada, de forma que queimemos máis calorías das que inxerimos: está comunmente aceptado que un quilo de graxa equivale a 7.716 calorías, polo que se queimamos 1.102 calorías máis das que consumimos cada día, perderemos 1 quilo nunha semana, o máximo dentro do que se considera saudable.

Explican neste sentido que, como regra xeral, o gasto calórico que consumimos ao camiñar entre 4 e 6 km por hora pódese calcular multiplicando o peso da persoa polos quilómetros que percorra e polo factor 0,73. Desta forma unha persoa de 80 kg que percorra 10 quilómetros a ese ritmo queimaría unhas 584 calorías.

O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia reúne a 2.400 profesionais

Á hora de analizar a marcha e expor patróns correctivos no caso de que se realice de forma incorrecta, os fisioterapeutas están capacitados para identificar e tratar estas incorreccións, ao distinguir como cambia o centro de gravidade do paciente antes e despois do tratamento fisioterapéutico. Neste sentido, os fisioterapeutas explican que a marcha pódese ver afectada por diversas patoloxías, o que orixina modificacións no patrón normal. Isto pode deberse a varias causas, entre elas: unha discrepancia de lonxitude dos membros inferiores; unha limitación do rango articular (cando a articulación non pode moverse todo o que debería); unha inestabilidade articular que pode chegar a imposibilitar a marcha, ou que simplemente esixe un traballo extra á musculatura para facer un traballo que cápsula e ligamentos non realizan; ou a marcha antiálxica, é dicir, á alteración que se produce no desprazamento ou apoio normal das pernas e pés dunha persoa cando a dor provocada por algún tipo de lesión, impídelle camiñar de forma normal.

Por iso aseguran que a Fisioterapia axuda e contribúe a resolver e minorar os trastornos da marcha a curto e a longo prazo, así como a reducir o risco de caídas e outras lesións asociadas.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) realiza estas recomendacións, conxuntamente cos colexios homónimos de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra, cun novo videoconsello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”. CoFiGa é unha institución que representa a nivel autonómico aos máis de 2.400 fisioterapeutas que exercen na nosa comunidade. Os seus obxectivos son a salvagarda dos principios deontolóxicos e ético-sociais da Fisioterapia, a defensa e a promoción da saúde e o benestar dos cidadáns de Galicia, en colaboración cos poderes públicos, así como a promoción a nivel científico, cultural, económico e social dos fisioterapeutas colexiados.

2 respostas a “Así se dan os 10.000 pasos ao día que melloran a nosa saúde”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.