Peregrinos a Compostela.

Peregrinos a Compostela.

Os cinco Camiños que sucan Pontevedra

As rutas a Santiago que percorren a provincia reúnen atractivos para unha experiencia turística e cultural completa

Ler en castelán
Read in english

O Camiño de Santiago converteuse nos últimos anos nunha referencia turística a nivel universal e a provincia de Pontevedra presenta unha oferta de cinco rutas diferentes que levan á cidade do Apóstolo, con atractivos moi distintos para o peregrino. Sexan cales sexan os seus intereses e preferencias calquera camiñante poderá elixir entre unha variedade de rutas que converterán cada un das viaxes nunha experiencia diferente. A enorme riqueza cultural, paisaxística e gastronómica da provincia permitirá ao camiñante, ciclista ou xinete deseñar unha opción de viaxe á súa medida.

As rutas que transcorren pola provincia de Pontevedra son  o Camiño Portugués, a Vía da Prata, o Camiño Portugués pola Costa, a Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla e a Variante Espiritual do Camiño Portugués polo Salnés. As dúas primeiras son as que contan con maior número de viaxeiros pero as outras tres contan cada vez máis con maior número de visitantes.

Edificio do Balneario Acuña en Caldas de Reis

Edificio do Balneario Acuña en Caldas de Reis

O Camiño Portugués é a segunda ruta máis percorrida de todas as que se dirixen a Santiago despois do Camiño Francés. Esta ruta entra en Galicia por Tui desde onde continúa pasando por Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón.

Entre os atractivos que os camiñantes atopan no seu camiño destacan a zona antiga de Tui, a baía de San Simón coa paisaxe da ponte de Rande e a ría de Vigo, a capela da Peregrina e a zona monumental de Pontevedra e as augas termais de Caldas de Reis.

A Vía da Prata cara a Santiago une o suroeste da península ibérica con Galicia a través da provincia de Ourense. Despois o Camiño entra en Pontevedra por Dozón cara a Lalín e atravesa pequenas localidades como Puxallos, Pontenoufe, Botos, Donsión, Campo, Empedrada e Prado. Desde esta última o camiñante pode desviarse cara ao santuario da Nosa Señora do Corpiño.

Tamén nesta ruta atópanse a espectacular fervenza do río Toxa e as ruínas do Mosteiro de Carboeiro. O percorrido por Pontevedra finaliza na Estrada, onde se pode visitar o famoso pazo de Oca e os seus xardíns versallescos.

O Camiño Portugués pola Costa é unha ruta que se ha oficializado recentemente e que consta de preto de 150 quilómetros. Empeza na Guarda e atravesa os municipios do Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo ata Redondela, onde enlaza co Camiño Portugués. A fermosa paisaxe costeira é o gran atractivo dunha ruta que tamén inclúe puntos de interese cultural e turístico como o castro de Santa Trega na Guarda e a fortaleza medieval de Baiona.

A Ruta Marítima cara a Santiago percorre a ría de Arousa ata Vilagarcía e Padrón, onde enlaza co Camiño Portugués, seguindo o mesmo traxecto que, segundo a lenda, percorreron os discípulos do Apóstolo co seu corpo. Esta ruta inclúe importantes enclaves turísticos como O Grove, a Toxa  e Cambados, capital do Albariño. En Vilagarcía pódense admirar diversas obras arquitectónicas entre as que se atopa a Casa do Cuadrante, onde naceu Val-Inclán e agora existe un museo.

No tramo terrestre ata a desembocadura do Ulla destacan os 17 cruceiros que marcan o itinerario xacobeo ata Pontecesures e Catoira, onde aínda se poden ver os restos da fortaleza do Oeste, levantada no século IX para defender a Compostela dos ataques viquingos.

No que vai de ano un total de 70.000 peregrinos percorreron as rutas da provincia

A Variante Espiritual do Camiño Portugués polo Salnés une este camiño coa ruta do Mar de Arousa e o río Ulla. Para seguila, hai que desviarse en Pontevedra cara a Armenteira (Meis) nunha etapa cun percorrido de 20 quilómetros. Despois, realízase unha segunda etapa de 24 quilómetros nas que se percorre o norte da comarca do Salnés desde Armenteira a Vilanova de Arousa para enlazar coa ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla para chegar a Santiago. A posibilidade de realizar un percorrido turístico polas numerosas adegas da zona é un dos grandes atractivos desta variante.

Segundo datos pechados ao 30 de setembro deste ano un total de 70.000 peregrinos percorreron as rutas que pasan pola provincia de Pontevedra durante o que vai de ano. Deles máis de 50.000 corresponden ao Camiño Portugués tradicional e ademais de camiñantes españois e do país veciño, as nacionalidades máis habituais son italianos, franceses e británicos.

Desde o ente de Turismo da Deputación apúntase que as actuacións que se están realizando nestas rutas teñen tres obxectivos principais: converter á Mesa Provincial do Camiño nun órgano executivo, prestar apoio aos pequenos concellos para protexer o patrimonio do Camiño e realizar unha campaña de promoción que baixo o título de “Cruzando Camiños” trata de poñer en valor as distintas rutas e dar a coñecer as súas posibilidades máis aló das que teñen como itinerario cultural.

Rutas entre balnearios e viñedos

As rutas que contan con maior número de camiñantes son o Camiño Portugués e a Vía da Prata polo que a Deputación está a centrar o seu traballo de promoción nas que son máis descoñecidas. Este ano centrouse a atención no Camiño pola Costa e proximamente vaise a actuar con especial forza nas outras dúas rutas.

Ademais de apostar por vincular o turismo ao patrimonio cultural existente nas distintas rutas, desde o ente provincial de Turismo faise fincapé na necesidade de promocionar outras posibilidades que presentan as rutas que transcorren pola provincia como a beleza paisaxística, a gastronomía ou o termalismo.

Desta forma vai difundir a posibilidade de combinar a realización das rutas coa estancia en balnearios ou optar por alternativas diferentes como aproveitar o traxecto do Camiño para coñecer os viñedos e adegas da denominación de orixe Rías Baixas.

Outro dos aspectos nos que se traballa cara a 2018 é un plan para eliminar os puntos negros que existen nas distintas estradas polas que transcorren as rutas. Desde a Deputación trabállase en colaboración coa Xunta, o Ministerio de Fomento e distintos concellos para conseguir que os distintos camiños sexan seguros e accesibles.

Ademais, en 2018 celébrase o Ano do Patrimonio Cultural por parte da ONU e a Deputación vai traballar conxuntamente cos concellos para realizar diversas accións de posta en valor e promoción dos distintos camiños que percorren a provincia de Pontevedra.

Sen dúbida que a riqueza cultural, paisaxística e gastronómica destas  rutas son unha aposta segura para que estes camiños sexan cada vez máis coñecidos tanto polos turistas como polos propios cidadáns da provincia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.