O vídeo da catedral de Santiago que plasma a restauración do mecanismo do botafumeiro

O traballo devolveu aos elementos danados a súa aparencia orixinal e introduciu algún novo para asegurar a súa resistencia

O botafumeiro da catedral de Santiago é un dos símbolos galegos. O seu icónico movemento realízase a través da man de oito tiraboleiros e un histórico mecanismo. Este último estivo funcionando sen parar durante máis de catro séculos, ata o ano pasado. O proxecto de restauración do enxeño compostelán executouse ao longo de varios meses en 2024. Agora, grazas a un vídeo publicado pola institución santiaguesa, coñecemos como se realizou este proceso.

A peza audiovisual, que ten unha duración de pouco máis de 15 minutos, explica a historia do grande incensario, así como os motivos e os traballos realizados para devolver ao seu mecanismo a un estado o máis orixinal posible. Segundo narra o arquitecto do proxecto, Javier Alonso, “tras a caída dun parafuso decidiuse baixar o enxeño e, ao examinalo, descubríronse outros danos e arranxos sen coherencia, polo que se decidiu realizar unha reparación integral“.

Publicidade

Desaxustes importantes

Ideado polo aragonés Juan Bautista Celma en 1602, a maquinaria responsable do movemento do botafumeiro segue a ser a mesma na actualidade. Está composta principalmente por dous tambores de madeira con cadanseus discos nas marxes, un eixe de ferro e guías para as cordas, entre outras pezas. “Ao desmontala apreciáronse desaxustes importantes nos dous tambores. Ademais, comprobouse que o eixe estaba descentrado, o que causaba vibracións ou un mal funcionamento”, explica no vídeo o mecánico Jesús Puente.

Partes do mecanismo do botafumeiro.

Non eran os únicos desperfectos que mostraba o mecanismo. Entre outras, atopáronse varias folguras, pequenas roturas, gretas e reparacións parciais “que desvirtúan o conxunto”, como empregar madeiras que non eran orixinais. “A parte máis pequena dos dous tambores estaba máis desgastada polo roce da corda. Nese punto vese que se substituíu a madeira por outra que non era de nogueira ou carballo”, explica o carpinteiro Rubén González.

Publicidade

Restauración

Así, segundo detalla no vídeo o arquitecto Alonso, “a pauta xeral foi devolver os elementos danados ou alterados á súa conformación e aparencia orixinal alí onde era posible”. Ademais, detalla que “se introduciron algúns novos, imprescindibles para asegurar a súa resistencia e estabilidade“. Entre outras accións “retiráronse os chapóns de reforzo dos discos exteriores dos tambores, restauráronse os seus discos rotos e introducíronse discos interiores de reforzo; fíxose unha guía nova e restablecéronse as demais. O eixe de aceiro endereitouse, acuñouse dentro do de madeira, e os seus extremos torneáronse”.

Do mesmo xeito, a reparación volveu recolocar os guiadores orixinais do mecanismo de Celma. “Volvemos á forma orixinal de suxeitalo con cuñas de madeira, non de metal como estaban antes, que é o máis adecuado para o seu funcionamento“, explican no vídeo.

Cálculos de movemento

Ademais dos aspectos máis ornamentais, aproveitouse para estudar as características mecánicas e de movemento do enxeño. Os cálculos realizados por primeira vez precisan os esforzos que sofren os tambores de madeira. Segundo trasladan no vídeo, os cambios da disposición da corda e o xeito de tirar do botafumeiro “poden ter prexudicado a maquinaria“. Pese a isto, leva funcionando ininterrompidamente durante catro séculos.

O vídeo tamén afonda noutros aspectos como a policromía, a historia do botafumeiro e remata explicando a volta do mecanismo trala súa restauración. Acorde á peza audiovisual, tralas probas realizadas a porta pechada co enxeño colocado, comprobouse que os movementos eran máis suaves e apenas se producían desprazamentos laterais.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para impulsar unha asistencia sanitaria centrada no paciente

O proxecto NEW HEALTH promove unha rede transfronteiriza que integra innovación tecnolóxica, investigación avanzada e datos para mellorar a calidade asistencial

O xogo dos birlos é recoñecido como patrimonio inmaterial de Galicia

O Consello do Goberno galego declara este tradicional xogo como ben de interese cultural

Como se ve Galicia dende o ceo? Así era o territorio galego captado por helicópteros nos anos oitenta

A Fundación Barrié e o Ministerio de Defensa reuniron fotografías históricas nun volume de máis de 200 páxinas para amosar a riqueza paisaxística e urbana

Fin de semana de inverno exprés: unha fronte fría descenderá as temperaturas ata os 17 graos

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela vivirán os maiores contrastes térmicos do episodio tras máximas que rozarán os 30ºC