O investigador Artemio Mojón observa a medición dun paciente. Imaxe: Yago Grela.

O investigador Artemio Mojón observa a medición dun paciente. Imaxe: Yago Grela.

Unha sociedade descorazonada

Unha investigación da Universidade de Vigo busca anticiparse aos riscos cardiovasculares a través da medición continua da presión arterial

Unha reportaxe de Yago Grela

As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de mortalidade en todo o mundo. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), cada ano morren por esta causa 17,5 millóns de persoas. Noutras palabras, un 31% das mortes rexistradas no planeta son debidas a un evento deste tipo. Unha cifra enorme e desoladora para a sociedade, pero que todavía o pode ser máis, pois como sinalou a OMS nun dos seus informes sobre eventos cardiovasculares, “se non cambiamos os nosos hábitos, estímase que esa cifra crecerá, alcanzando os 23 millóns de mortes no ano 2030”. Un reto máis que complicado para moitos investigadores, como son Ramón Hermida, Artemio Mojón, e José Ramón Fernández, que dende o Laboratorio de Bioinxeñería e Cronobioloxía da Universidade de Vigo, traballan cada día para impedir que ese cifra siga aumentando.

O equipo da UVigo realiza un seguimento duante 48 horas para medir a presión arterial

A medición da presión arterial é un dos indicadores máis importantes para saber o risco que unha persona ten para padecer problemas cardiovasculares, como poden ser as arritmias, insuficiencias cardiacas, ou os infartos. Ese risco pódese reducir a través dun tratamento médico, polo que é necesario tomar medicións da presión arterial como prevención. Normalmente mídese de maneira puntual, por un doctor, e nunha clínica. Un “erro” para os investigadores da Universidade de Vigo. “Os resultados indícannos que o único factor que determina o risco dunha persoa é se a súa presión está ou non elevada durante as súas horas de sono”, indica Hermida, que leva estudando os eventos cardiovasculares dende que realizou o seu doutoramento nos Estados Unidos.

Grazas ao estudo MAPEC (Monitorización Ambulatoria para redicción de Eventos Cardiovasculares), liderado polo profesor Hermida, pódese saber que se na consulta unha persoa ten a presión elevada, só está en risco se durante a noite tamén a ten. Polo contrario, pode darse o caso que un paciente teña unha presión normal na consulta, pero elevada durante as horas de sono, polo que estaría en risco de padecer un evento cardiovascular e non o sabería.

As persoas poden facer vida normal mentras levan o dispositivo.

As persoas poden facer vida normal mentras levan o dispositivo.

Para solucionar ese problema os investigadores empregan a monitorización ambulatoria. Neste caso o paciente leva colocado un pequeno dispositivo portátil durante 48 horas, que lle mide de manera continuada a presión arterial, tanto de día como de noite, e mentras fai vida normal. “De este modo tense un mellor diagnóstico e unha valoración do risco máis acertada”, sinala Hermida, quen é o primeiro e único membro non americano da Sociedade Americana da Hipertensión.

Con ese aparato o laboratorio puxo en marcha o proxecto “Hygia”, onde participan 40 centros sanitarios de toda Galicia. E que, recalca Mojón, “non sería posible sen a iniciativa dos médicos que foron coñecendo a investigación”. Ao acabar a medición da presión arterial, a información rexistrada polo dispositivo pásase ao ordenador, onde se analiza para obter resultados concluintes e así poder dar un mellor diagnóstico sobre a valoración do risco dese paciente. Dende o 2008 xa levan estudiadas case 18.000 persoas. Grazas a este estudo tamén descubriron que na actualidade tómase a medicación hipertensiva no momento equivocado. “Malia que non hai razón demostrada para elo, o habitual é tomar a medicación antihipertensiva ao levantarse, pero os resultados destes traballos indican que tomala antes de durmir reduce na maioría dos casos o risco de padecer un evento cardiovascular”, afirma Mojón.

A medición dunha muller que ten a presión alta durante o día.

A medición dunha muller que ten a presión alta durante o día.

“Estamos fronte a unha mala utilización dos recursos sanitarios e un mal diagnóstico da hipertensión”, defende Hermida. Grazas a este estudo sábese que en moitos casos dáselle tratamento a xente que non o necesita, non se lle dá a aqueles que si o necesitan, e cando se dá, é á hora equivocada. “Se sumamos todo iso, non me estraña que nos últimos anos a prevalencia á hipertensión aumentara e a taxa de mortalidade por causas cardiovasculares non diminuirá”, conclúe o investigador. Esta investigación conseguiu poñer sobre a mesa uns resultados novidosos cos que os investigadores buscaban transformar e mellorar a práctica sanitaria. Sen embargo, contaron con máis recoñecemento internacional que dentro de España, ou incluso, que dentro da propia comunidade.

“O noso obxectivo neste momento é que os resultados desta investigación se incorporen á práctica clínica, e así poder conseguir algo que non se conseguiu nos últimos 40 anos: Reducir de forma efectiva o número de mortes por eventos cardiovasculares”, afirman os investigadores. Unha meta ambiciosa pero necesaria neste momento no que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de mortalidade na nosa sociedade. Unha sociedade descorazonada.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.