Ángel Rodríguez, Carlos García e Mari Luz Mosteiro son os impulsores do proxecto que contou na súa reportaxe o gañador do premio. Foto: Íñigo Caínzos.

Ángel Rodríguez, Carlos García e Mari Luz Mosteiro son os impulsores do proxecto que contou na súa reportaxe o gañador do premio. Foto: Íñigo Caínzos.

Un reloxo para a independencia

Tres alumnos da USC traballan no deseño dun dispositivo multifuncional destinado a persoas maiores e cun leve grao de dependencia

Por Íñigo Caínzos

Corría o ano 2016 cando Carlos García Campos, de 20 anos, e Ángel Rodríguez Cerdeira, de 22, se coñeceron ó final dunha charla nas xornadas Spin 2016, unha reunión de emprendemento Iberoamericano. Dende o primeiro intre o entendemento entre ambos foi total. Fixeron falta poucas citas para cimentar o seu proxecto. Para dar comezo a unha andadura ambiciosa. Para comezar a xestar un proxecto que xa ten dous anos e que cada vez está máis preto de converterse en realidade: un reloxo intelixente dirixido a persoas maiores e cun grao de dependencia leve.

Ano 2018. É luns. Chove en Santiago de Compostela. Carlos, que agora cursa 2º de Administración e Dirección de Empresas na USC, sae con presa dunha reunión e se dirixe cara outra cos seus compañeiros. Están instalados no Campus Sur. Teñen un oco nunha sala para startups no edificio Emprendia da propia Universidade. É o primeiro en chegar á cita. Pouco despois entran na sala os seus dous compañeiros de aventuras. Ángel, que cursa o último ano de Enxeñaría Informática, vai acompañado de María Luz Mosteiro del Pilar, compañeira de clase. Unha incorporación que xa leva cinco meses traballando con eles. “Necesitabamos un reforzo en materia de programación. Ángel falou dunha compañeira, a mellor da súa clase, e aquí está”. Ela non pode evitar debuxar un pequeno sorriso.

Ángel Rodríguez, Mari Luz Mosteiro e Carlos García. Foto: Íñigo Caínzos.

Ángel Rodríguez, Mari Luz Mosteiro e Carlos García, creadores do reloxo. Foto: Íñigo Caínzos.

Os minutos pasan rápido. Xente nova apaixonada co seu proxecto e cren firmemente. Basta compartir un rato con eles para detectar que van moi en serio. Os seus ollos brillan falando do seu reloxo intelixente. Un wearable pensado para persoas maiores e con principios de dependencia leve. Carlos e Ángel poñen a parte emotiva do relato: “O meu avó morreu con alzheimer e a súa avoa tamén o ten”. Ángel engade que “pensabamos en persoas cun pequeno grao de dependencia, pero falando con máis xente e institucións detectamos a importancia de dirixirnos tamén a persoas maiores”.

Teñen todos os datos na cabeza. Non deixan nada ó azar. Froito de horas de traballo de campo e moita dedicación, coñecen ben cal é o público obxectivo e as súas necesidades. En España creceu moito o número de persoas maiores e as proxeccións realizadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE) avanzan que esta tendencia será cada vez máis aguda.

inigo1

inigo2

Os dous gráficos evidencian que a poboación cada vez vive máis anos. O público obxectivo destes rapaces cada ano é maior. E as necesidades dun dispositivo como o que están a crear, tamén. “As posibilidades que ofrece o mercado son moi grandes”, comentan.

Tamén a taxa de dependencia, calculada como o cociente en tanto por cento de persoas maiores de 64 anos entre o número de persoas entre 16 y 64 será cada vez maior co paso dos lustros. Proxección fai ver que cada vez será máis complicado atopar persoas que coiden os maiores. Por tanto, tratar de garantir a súa independencia, é o obxectivo destes tres estudantes co seu proxecto.

inigo3

Un reloxo multifuncional

Carlos, Ángel e Mari Luz traballan nun reloxo intelixente con varias funcións. GPS, sistema de alertas, chamadas… Non é o que fan todos os smartwatches? “Si, pero ninguén ofrece todo á vez”, responden. Tamén son ambiciosos no caso da teleasistencia: “hai dispositivos que funcionan pero soamente a 300 metros de distancia”, explican. “Nós queremos estar en todas partes”, proclama, confiado, Ángel.

O dispositivo destes estudantes permite ao usuario estar conectado coa súa familia e cos servizos de emerxencias sempre que o precise. Confire independencia. Permite configurar e xestionar notificacións sobre medicamentos a tomar dende unha aplicación manexada pola familia. Ten un botón de SOS para emitir unha chamada e estar xeolocalizado gracias o GPS que leva incorporado. E tamén pode chamar a unha serie de números configurados previamente. E aseguran que traballan en máis funcionalidades.

O reloxo mantén conectado ao usuario coa súa familia e cos servizos de emerxencias

Integralo todo e facer que o manexo sexa sinxelo é un quebracabezas. Os informáticos, Ángel e Mari Luz, sorrín. “Teñen problemas de visión, de audición, uns gustos reservados e concretos… Importa a funcionalidade e a estética”. Fan comentarios entre eles e lembran que teñen que cambiar un aspecto que non funcionou. O ir e vir de ideas entre eles tres é constante. Non hai descanso.

Na fase actual, a validación da facilidade de uso, entrevistan a moitos clientes potenciais, para coñecer as reaccións antes de lanzar o prototipo, coas características que eles queren. “Salvo algún que dixo que non era para el está tendo moi boa acollida”, di, entre bromas, Mari Luz.

Malabares entre proxectos e estudos

Os días duran 24 horas e nalgún momento Carlos, Mari Luz e Ángel parecen necesitar algunha máis. As reunións e as entrevistas son continuas. Pero tamén hai que sacar adiante as materias e o TFG no caso dos estudantes de Enxeñaría Informática. “Hai que facer malabares”, asegura Mari Luz. “É unha tolería”, engade Ángel. “Eu o levo peor”, comenta divertido Carlos.

Teñen momentos de dúbidas. Intres nos que pensan en tirar a toalla. Pero non acostuman a durar moito. “Se chegamos ate aquí non o vamos deixar agora”, pensan. E a labor do grupo resulta fundamental. Tres perfís complementarios que aportan equilibrio o grupo. É o ingrediente clave da receita.

Non lles chegan as horas para atender os estudos e concertar reunións e entrevistas sobre o proxecto

A súa xuventude non xoga na súa contra. Nalgunha ocasión intentaron aproveitarse deles, pero saen airosos con facilidade abrindo a boca e falando do seu proxecto. O segredo está en “demostrar que non somos nenos, que somos capaces de sacalo adiante. O mercado non entende de idades, senón de coñecementos, xestión e produtos con futuro”. Admiten que de entrada moitos lles miran con superioridade, pero “cando ven que vamos en serio, pasados cinco minutos cambia a cousa”.

Miran ó futuro con optimismo. Os premios avalan o seu traballo. Gañaron o concurso de Ideas creativas e tamén o de Proxectos Innovadores da USC. Foron terceiros en Santander Yuzz e estiveron entre os dez finalistas nun concurso iberoamericano en Madrid con 240 proxectos. “Xa non son é que os nosos pais digan que imos ben, senón que expertos independentes analizan e valoran positivamente o noso traballo”, sinala Mari Luz.

Agora seguen a madurar a súa idea ó abrigo da USC e do Citius. Os tres agradecen o apoio institucional recibido e detallan momentos concretos nos que a figura dos dous organismos foi importante.

Mentres seguen apuntalando o proxecto, os móbiles non paran de soar. Unha entrevista pola tarde. Unha reunión cun grupo de clientes a próxima semana. Outra oferta de compra dunha empresa. Non hai tregua para Carlos, Mari Luz e Ángel. Pero eles, decididos e con paso firme, seguen avanzando xuntos para ver o seu soño feito realidade. Pasan as páxinas no calendario. A meta está cada vez máis preto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.