Acto de presentación do V premio "Contar a Ciencia-la Caixa" na Facultade de Comunicación de Santiago. Foto: Anxo Iglesias.

Acto de presentación do V premio "Contar a Ciencia-la Caixa" na Facultade de Comunicación de Santiago. Foto: Anxo Iglesias.

Catorce propostas optan ao V premio universitario “Contar a Ciencia-la Caixa”

Os estudantes finalistas poderán elaborar as súas propostas, que serán publicadas en GCiencia, ata o día 10 de abril

O pasado venres pechouse o prazo de recepción de propostas para a quinta edición do premio universitario de comunicación científica “Contar a Ciencia-la Caixa”, convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado por Obra Social la Caixa, e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux Tech. Unha vez analizadas e seleccionadas as propostas por parte do equipo de GCiencia, que organiza o premio, foron escollidos 14 proxectos presentados por estudantes de comunicación de Galicia.

Desde esta semana, os finalistas poderán elaborar os seus traballos, en formato de reportaxe ou entrevista, ata o día 10 de abril. Unha vez terminado este prazo, GCiencia publicará todos os traballos na web e nas redes sociais entre os días 11 e 22 de abril. O tratamento de augas residuais, a investigación con células nai, a importancia da química no proceso de produción do viño, o desenvolvemento de fármacos ou a utilización da tecnoloxía para axudar a persoas dependentes son algúns dos temas seleccionados para esta edición.

O xurado emitirá o seu fallo antes do 4 de maio, e escollerá un gañador ou gañadora e dous finalistas. Estará encabezado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, D. Miguel Ángel Ríos, e integrado por representantes da Consellería de Educación, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de ‘la Caixa’ e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, de GCiencia, así como por un investigador galego de recoñecido prestixio.

O gañador ou gañadora do V premio “Contar a Ciencia-la Caixa” recibirá 700 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. O xurado escollerá tamén dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.

Os premios entregaranse nun acto público que se celebrará en Santiago de Compostela entre os meses de maio e xuño de 2018.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.