Elena Vázquez Cendón amosa o mapa de Fontán durante a clase de presentación de Contar a ciencia-"la Caixa". Foto: Anxo Iglesias.

Elena Vázquez Cendón amosa o mapa de Fontán durante a clase de presentación de Contar a ciencia-"la Caixa". Foto: Anxo Iglesias.

“Tendes que pensar nas persoas que están detrás das noticias”

Unha clase aberta de Elena Vázquez Cendón pon en marcha a quinta edición do premio Contar a Ciencia-"la Caixa" na Facultade de Comunicación de Santiago

O V Premio Universitario Contar a Ciencia-“la Caixa” botou a andar este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Unha clase aberta da decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, diante dun nutrido grupo de alumnos de Xornalismo, serveu para poñer en marcha o concurso, convocado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e patrocinado por Obra Social la Caixa.

Miguel Ángel Ríos, María Jesús Tallón, Elena Vázquez Cendón, María Jesús García e Eduardo Rolland, de GCiencia, na presentación do acto. Foto: Anxo Iglesias.

Miguel Ángel Ríos, María Jesús Tallón, Elena Vázquez Cendón, María Jesús García e Eduardo Rolland, de GCiencia, na presentación do acto. Foto: Anxo Iglesias.

Na súa clase, Vázquez Cendón puxo de manifesto a necesidade de que xornalismo e ciencia vaian da man para mellorar a sociedade. “Ter todos os días a oportunidade de ofrecer noticias á xente é algo moi valioso, e se os xornalistas se implican con nós, os científicos, para contar o que facemos, conseguiremos moitas cousas xuntos”.

A decana de Matemáticas quixo afondar nas diversas acepcións de ‘contar‘, e de contar, neste caso, a ciencia. “É relatar, narrar, dar conta, ter en conta; pero contar tamén é sumar, multiplicar, buscar o rigor, analizar os datos…”. Para ilustrar esta necesidade de contar a ciencia, a matemática serviuse do mapa de Domingo Fontán, “un gran exemplo de como coñecer, explicar e comunicar a importancia dun territorio para unha sociedade”. Lembrou como, hoxe en día, moitas infraestruturas en Galicia seguen inspirándose na topografía amosada por Fontán para deseñar grandes proxectos.

O concurso presentouse na Facultade de Comunicación da USC. Foto: Anxo Iglesias.

O concurso presentouse na Facultade de Comunicación da USC. Foto: Anxo Iglesias.

Non esqueceu tampouco a necesidade da empatía para contar mellor no xornalismo. “Temos que pensar nas persoas que están detrás das noticias: as súas circunstancias, as dificultades que superaron, as traxectorias…”, destacou.

O acto de presentación do premio Contar a Ciencia-“la Caixa” estivo presidido polo presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e nel tamén participaron María Jesús García Piñeiro, directora do Centro de Institucións de La Caixa e María Jesús Tallón Nieto, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia. O concurso conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades e da empresa Primux Tech, e está organizado por GCiencia.

O concurso

O premio Contar a Ciencia-“la Caixa” está dirixido aos estudantes de Comunicación das tres universidades galegas, así como aos graduados nestas titulacións que obtiveran o seu título durante o curso 2016-2017. Poderán participar individualmente ou nun grupo dun máximo de dúas persoas. Os traballos deberán afondar, en formato de reportaxe ou entrevista, e escollendo entre diferentes soportes – escritos, fotográficos, audiovisuais ou mixtos – algúns dos proxectos científicos que se desenvolven en calquera das tres universidades galegas.

O ano pasado, a gañadora do premio foi Claudia Alonso, da Universidade de Vigo, grazas á reportaxe “A menciña dos esquecidos”, na que contaba o traballo do grupo de Xenética Humana da mesma universidade na loita contra as enfermidades raras.

Ata o 9 de marzo, os participantes poderán presentar as súas propostas previas escribindo a redaccion@gciencia.com. Ao remate deste prazo, o equipo de GCiencia seleccionará as propostas finalistas, atendendo aos criterios de maior interese e orixinalidade, calidade expositiva e valor xornalístico. Posteriormente, comunicará aos elixidos a súa selección para que comecen a realizar os seus traballos, que poderán presentar entre o 13 de marzo e o 10 de abril.

O xurado elixirá un gañador ou gañadora, que recibirá 700 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma; e dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de participantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas acreditativos.

As bases completas poden consultarse en gciencia.gal

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.