Xoves 25 Abril 2024

O segredo dos mares galegos

Umá de Oliveira Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo

 
Tratemos de imaxinar unha Galicia pasada cuxos mares estivesen repletos de frías montañas de xeo, no canto das “cálidas” augas das nosas praias. Difícil, verdade? Pois ese foi o panorama oceanográfico e climatolóxico presente na nosa comunidade fai apenas 15.000 anos, como ven demostrando un grupo de científicos galegos.
Todo xurdiu dun grupo de amigos que se preguntaron se sería posible aplicar a tecnoloxía de diagnóstico médico TAC (Tomografía Axial Computarizada) sobre os sedimentos mariños, có fin de ter unha imaxe previa do interior dunha testemuña sedimentaria. Así foi como comezou un proxecto que permite recoñecer esa presenza de icebergs no mar de Galicia mediante o uso da tomografía.

Anxo Mena.
Anxo Mena.

O proxecto forma parte da tese doutoral defendida por Anxo Mena Rodríguez (Carral, 1982), un investigador da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. Esta tese acaba de ser galardoada có Premio Provincial á Investigación, que promove a Deputación de Pontevedra có fin de estimular e premiar ós autores.
Por outro lado, este traballo é un claro exemplo das vantaxes que pode ter a colaboración entre titulacións totalmente diferentes, pois constitúese en base ás achegas de profesionais de ámbitos tan diferentes como a oceanografía, a veterinaria e a enxeñería industrial. Concretamente, os científicos que colaboraron no proxecto foron: Guillermo Francés, Alfredo Iglesias e Marta Pérez Arlucea (profesores da Universidade de Vigo); Pablo Aguilar (Hospital Universitario de Santiago de Compostela); José Daniel Barreiro (Hospital Veterinario Rof Codina); e Andrés Barreiro Lois (profesor da Universidade de Santiago de Compostela).

O estudo demostra que hai 15.000 anos o mar en Galicia estaba cuberto de icebergs

O grande avance que supuxo esta colaboración interprofesional baséase nunha mellora das técnicas tradicionais empregadas na análise de sedimentos.
Para analizar o pasado mariño dun lugar é necesario o exame das testemuñas sedimentarias, unha especie de columnas formadas a medida que os sedimentos se depositaron no fondo mariño ó longo dos anos, dando lugar a rexistros paleoceanográficos e paleoclimáticos. A partires destes rexistros pódese enfocar o análise de moitas maneiras: cómo variaron as correntes, qué tipos de sedimentos hai, de onde ven ese sedimento, etcétera.
Actualmente, obter o rexistros mariños é un proceso moi caro; ademais, cada un deles é totalmente único, e ó utilizalo para a investigación pódese chegar a destruír. Para poder analizar os sedimentos existen dous tipos de probas empíricas (tradicionais): as destrutivas (non se pode volver a utilizar a mostra) e as non destrutivas (si se podería volver a utilizar a mostra). Aínda que, evidentemente, as técnicas non destrutivas serían as máis aceptables, seguen tendo o gran hándicap do custo.

Explicación Eventos de Heinrich
Ilustración explicativa dos Eventos de Heinrich.

A maior novidade da investigación deste grupo de científicos galegos é o programa que xa teñen inscrito no Rexistro da Propiedade Intelectual, o AnidoC. Este programa permite traballar desde o punto de vista numérico os datos que sairían tras o uso do TAC, sendo moi fiel ós resultados que logo quedarían expostos en probas empíricas.
A grande vantaxe que ten o TAC e o programa AnidoC fronte ás técnicas empíricas é que se pode utilizar antes de abrir sequera a testemuña. “Nada máis saír do barco introdúcese no TAC e, grazas ó programa, xa se teñen unha morea de datos sen necesidade de máis”, explica Mena.

Publicidade

O proxecto forma parte da tese doutoral de Anxo Mena, de Ciencias do Mar

As outras técnicas son moito mais caras, poden ser destrutivas, e é necesario facer unha morea de tentes para chegar a ver algo. Sen embargo, solo con pasalo polo TAC xa se pode ter: a localización dos eventos de Heinrich, una imaxe dos sedimentos interiores, unha idea das seccións onde sería interesante facer máis análises, etcétera. Isto supón un gran aforro de cartos na investigación e tamén no tempo necesario para entender o rexistro.
Este estudo en concreto estivo focalizado na análise duns organismos chamados foraminíferos planctónicos, os cales levan na historia do planeta desde hai millóns de anos. Estas especies, que aínda viven hoxe en día, dan unha idea do ambiente ecolóxico que había na superficie da columna de auga, pois pódese relacionar có hábitat que seguen necesitando hoxe para vivir.
Na análise das testemuñas da Conca Interior de Galicia, atoparon unha especie que precisa temperaturas moi frías para sobrevivir e que, a día de hoxe, só habita no ártico. Ademais, xunto con esta especie, pódese ver un tipo de detrito que viaxa no interior dos icebergs e se deposita no fondo mariño ó fundírense estes. Cando estes dous achados coexisten, pódese identificar cunha chegada de icebergs ás proximidades da costa.

Fonte Sedimentary Geology (2015) - 1
Sedimentary Geology (2015).

Mediante o uso do TAC e do AnidoC, así como con probas empíricas, recoñecéronse seis chegadas de icebergs (denominadas eventos de Heinrich) a Galicia nos últimos 60.000 anos. Todas elas coa idade na que se produciron ben datada, o cal é de salientable importancia dado que, se encontran estes mesmos niveis nunha testemuña en calquera outro sitio, non sería necesario realizar, por exemplo, a proba do Carbono 14 para saber a idade dos sedimentos. Có conseguinte aforro de cartos que isto implica.
Cabe destacar que este proxecto foi levado a cabo sen recibir ningunha subvención nin autonómica nin estatal, só facendo uso das instalacións coas que xa se contaban no tecido investigador galego (como o TAC do Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo) e que polo tanto non necesitaron de grandes inversións de cartos para realizalos.
Mena asegura que con subvencións este proxecto podería chegar a dar moitos máis resultados e espera, nun futuro, poder seguir desenvolvendo programas que lles permitan sacar moitas mais conclusións e datos numéricos cada vez mais exactos.
O resultado desta investigación supón un claro exemplo de cómo, mediante a colaboración entre profesionais diferentes que se complementan mutuamente, pódese chegar a resultados excepcionais e nunca imaxinados. De seguiren por esta liña, Quén sabe qué máis poderían descubrir?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses