Gatos do pintor francés Louis Wain, obras nas que moitos psiquiatras teñen atopado rasgos de esquizofrenia.

Gatos do pintor francés Louis Wain, obras nas que moitos psiquiatras teñen atopado rasgos de esquizofrenia.

Esquizofrenia, a gran descoñecida

Investigacións como a de Carracedo en Santiago amosan que ten un 82% de xenética e certa relación con trastornos inmunes

 

Ángela Precedo Facultade de Ciencias da Comunicación
da Universidade de Santiago

 

A esquizofrenia é definida pola RAG como unha “enfermidade caracterizada pola alteración das diferentes funcións psíquicas e mentais, a perda da relación do individuo coa realidade, autismo e outras alteracións de tipo afectivo e de comportamento”. Os esquizofrénicos teñen dificultades para diferenciar o real do imaxinario. Porén non resulta doado definir con exactitude o que implica este trastorno, xa que non é unha soa cousa, senón un conxunto de síntomas artificialmente clasificados para o manexo dos doentes dende o punto de vista terapéutico. Unha simple convención. De aí que os profesionais prefiran falar de esquizofrenias e non de esquizofrenia en si.

Actividade do cerebro baixo dos efectos de antipsicóticos.

Actividade do cerebro baixo dos efectos de antipsicóticos.

O diagnóstico non é doado. Soe manifestarse na idade xuvenil, mais ao abranguer gran cantidade de síntomas diferentes, o seu diagnóstico pode dilatarse no tempo. É importante que se realice de maneira precoz, para garantir un mellor seguimento, manténdoo controlado e correctamente tratado. Os fármacos máis usados son os antipsicóticos, que axudan na maioría dos casos a evitar o que se denominan “recibidas”, coloquialmente, novos brotes.Os seus síntomas clasifícanse en dous grupos: positivos e negativos. Nos síntomas positivos inclúense os delirios (pensamentos estraños), alucinacións (sons ou visións que non existen) e alteracións da percepción (relacionadas co medo). Por outra parte, nos negativos inclúense o aplanamento afectivo (illamento), falta de motivación (dificultades para emprender proxectos), falta de interese (nedonia) e discurso limitado. Todos estes síntomas non se dan dunha forma pura, senón asociados a outros problemas psicolóxicos, como os TOC (trastorno obsesivo compulsivo).

A vida media dos esquizofrénicos é moi inferior á do resto da poboación. Isto probablemente sexa debido ao uso de fortes fármacos no seu tratamento, con efectos secundarios. Todos os doentes chegan a desenvolver outras enfermidades sobre a orixinal, como o párkinson. Ademais, soen ser dependentes do tabaco e o café. A forma máis común de falecemento é a morte súbita de orixe cardíaco. O que está pendente de descubrimento nos actuais proxectos é se son os antipsicóticos os culpables ou outras causas.

O laboratorio de Ángel Carracedo colabora co proxecto europeo EUGEI

O grupo de investigación da USC encabezado polo experto en xenética e catedrático en Medicina, o doutor Ángel Carracedo, procura atopar e entender as causas do trastorno para poder desenvolver medicamentos acertados. O seu principal obxectivo é adecuar o tratamento a cada caso concreto, procurando reducir os efectos secundarios que poden derivarse da súa administración.

A realización de numerosos estudos de variabilidade, demostrou que a compoñente herdable na enfermidade é do 82%, aínda que o ambiente pode agravar a súa manifestación. Con todo, o doutor Carracedo asegura que aínda están comezando a atopar realmente cales son as causas da enfermidade, é moi pouco o que saben con certeza. A xenética inflúe e o ambiente tamén, pero o importante é identificar a cuantía en que cada un repercute, tratando de entender a interacción xene -ambiente. Nesta liña, o seu laboratorio colabora a nivel europeo co proxecto EUGEI. A día de hoxe, do 82% da compoñente xenética identificada, tan só se chegou a comprender o 5% debido aos escasos antecedentes de investigación tradicional en enfermidades psiquiátricas e psicolóxicas.

A investigación continúa grazas a consorcios con centos de profesionais implicados. Aínda así, é un trastorno complexo, xa que non é só unha enfermidade, senón moitas. Os estudios máis recentes levados a cabo coa colaboración de 20.000 esquizofrénicos e 30.000 non esquizofrénicos, nos que se analizaron centos de miles de marcadores xenéticos, demostran que existen entre 15 e 20 estreitamente relacionados coa esquizofrenia.

Corte do cerebro coas principais zonas afectadas pola esquizofrenia.

Corte do cerebro coas principais zonas afectadas pola esquizofrenia.

O máis importante descuberto ata o momento é o seu carácter de enfermidade biolóxica. Cambiou por completo o paradigma das correntes psiquiátricas antigas, que a asociaban con cuestións máis emocionais e sociais, contribuíndo ao seu estigma. Agora sábese que ten maior compoñente xenético que calquer cancro, a pesar de afectar ás emocións e relación interpersoais. O traballo recollido na revista Nature, que trataba sobre a inmunidade como compoñente principal do trastorno, xa se convertiu nun traballo de investigación máis citado de entre os centos de proxectos que liderou. Curiosamente, a esquizofrenia non ten que ver con xenes neuronais, senón cos implicados nos procesos de inmunidade, como os que condicionan a artrite. De feito, os xenes que favorecen a aparición da artrite son os contrarios ás variantes que favorecen á esquizofrenia.

Malia a crenza de que é unha enfermidade pouco usual, constitúe un trastorno que afecta ao 1% da poboación. O erro débese á pouca información existente sobre as enfermidades psiquiátricas, por atoparse gravemente estigmatizadas. Na sociedade actual, provoca medo entre a poboación. A concepción da esquizofrenia como algo negativo foi evolucionando ao longo da historia, ata o punto de chegar a considerarse unha enfermidade. E unha enfermidade non é máis que aquel estado que implica o sufrimento do afectado e da súa contorna. A esquizofrenia non é máis que unha parte da nosa variabilidade.

Un artigo na revista Nature relaciona xenes de esquizofrenia e inmunidade

A estigma chega a tal punto que non se realizaron estudios epistemolóxicos que recollan o número de esquizofrénicos. Dende EUGEI estase realizando o primeiro destes estudos a nivel local. Un paso máis no lento proceso de investigación. Hai que avanzar cara a un futuro no que a esquizofrenia se vexa como unha enfermidade máis, con un tratamento e unha vida normal dos doentes. Os doentes máis graves atópanse xa ingresados en institucións psiquiátricas, polo que non hai nada que temer. Neste sentido, é importante informar correctamente á poboación e combater os prexuízos coa educación. Precisamos unha sociedade máis tolerante.

Tratar as enfermidades psiquiátricas como algo pouco habitual faise cada vez máis difícil. Estanse a receitar antipsicóticos e antidepresivos a medio mundo. E, pese a todo, ninguén investiga. O problema semella non existir. Sen presión social, non hai presión económica, nin política. De aí a grande importancia que ten o traballo realizado polo doutor Ángel Carracedo e o seu equipo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.