Venres 29 Marzo 2024

Ante os vertidos mariños: Divulgare

 


Alberte Calo Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Campus de Pontevedra.

 
A contaminación por vertidos mariños accidentais está aumentando nos últimos tempos. Divulgare está levando a cabo un proxecto de divulgación e comunicación para preparar á sociedade en caso de que se repitan catástrofes ecolóxicas como a do ‘Prestige‘. Advirten sobre a importancia de adecuar os plans de continxencia que permitan minimizar no posíbel calquera problema derivado dun vertido.

Noelia e Sabela, do equipo de Divulgare.
Noelia e Sabela, do equipo de Divulgare.

Divulgare nace no 2010 co obxectivo de levar a ciencia a todos os públicos. Este proxecto elabora todo tipo de material audiovisual sobre os descubrimentos científicos do grupo de Investigación de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo. Desde a polinización até a protección de especies en risco de extinción, levan os proxectos dos laboratorios á rúa. Actualmente están traballando en socializar o risco que supoñen os vertidos mariños, nomeadamente na Galiza. Sinalan que, xunto con outras institucións, están a comezar a dar os primeiros pasos na elaboración dun plan pioneiro no que respecta ás áreas mariñas protexidas.
Luís Navarro, responsábel do departamento, cóntanos que na sociedade galega hai unha gran desinformación sobre este perigo.  Ben sabido é que no 2002 presenciouse a maior catástrofe mundial por mor dos vertidos dun buque que pasaba polo litoral galego: o Prestige. O seu afundimento devastou toda a costa galega, propagándose o fuel até a Francia. O noso entorno natural e milleiros de especies protexidas sufriron grandes danos, a igual que os traballadores do mar. Foi un acontecemento que deixou unha enorme pegada no pobo galego. Pese á conciencia social que supuxo no seu momento, non existen os coñecementos suficientes para dar unha resposta rápida e eficaz. É por isto polo que nace Arcopol, un proxecto a nivel europeo no que se inclúe Divulgare, que “busca preparar á sociedade para afrontar este tipo de problemas no caso de que se repitan”.

O grupo de Ecoloxía traballa en plans de continxencia para as Illas Atlánticas

Devido ao avance científico, a día de hoxe existen modelos de correntes océano-meteorolóxicos exhaustivos que permiten predicir como podería ser a deriva dos vertidos. Estes coñecementos poderían reducir de xeito considerábel o impacto de posíbeis catástrofes. Mesmo así, é moi importante adestrar ditas tecnoloxías e profundar nelas para minimizar as consecuencias negativas. Só así se poderá evitar na medida do posíbel os efectos dos vertidos mariños.
O grupo de Investigación de Ecoloxía e Evolución de Plantas céntrase na elaboración de plans de continxencia para o Parque Nacional das Illas Atlánticas da Galiza. Navarro insiste na importancia das áreas naturais protexidas, as cales “son o reduto da biodiversidade” nas que se sitúa o “patrimonio natural que atesouran os ecosistemas”.

O logo do grupo Divulgare.
O logo do grupo Divulgare.

“A historia evolutiva está chea de episodios de creación e desaparición de especies. Até fai pouco existía unha harmonía de equilibrio entre as extincións e a aparición de novas especies.” O problema é que “os humanos están a acelerar o proceso de extinción de especies sen dar tempo á natureza a ocupar os nichos ou espazos que fican baleiros”.
Este é un dos principais motivos polos que se fai fincapé en impulsar a protección das áreas naturais. As institucións teñen o deber de potenciar os plans de continxencia. Porén, non se debe esquecer a socialización da materia en cuestión. É algo que ten ben claro a equipa de Divulgare, que traballan a diario na divulgación científica e na comunicación social neste eido. Algúns dos vídeos que colgaron na rede xa contan con milleiras de reproducións. Mais o traballo de divulgación enmarcado en Arcopol aínda está nun proceso inicial. Luís Navarro está convencido de que este proxecto sairá adiante para “mellorar os plans na medida do posíbel coa participación de todos os actores sociais”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico ‘Starlight’

A programación inclúe intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

Praia do Castelo, a importancia da conservación

Dende este pequeno espazo desfrutaremos dunhas impoñentes vistas dos illotes que conforman todo o arquipélago

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

O observatorio ornitolóxico das Cíes, o lugar ideal para usar os prismáticos

As illas supoñen unha barreira natural para as aves e os seus ovos e a riqueza das súas augas facilítalles o acceso a un alimento abundante e de calidade