Presentación na USC do IV Premio Contar a Ciencia, organizado por GCiencia.

Presentación na USC do IV Premio Contar a Ciencia, organizado por GCiencia.

Claudia Alonso gaña o IV Premio Contar a Ciencia con ‘A menciña dos esquecidos’

Os finalistas foron Iago Souto, por unha reportaxe sobre A Lanzada, e María Isabel Villamarín, por 'Hipóteses para entender o corazón'

Unha reportaxe de Claudia Alonso, alumna da Universidade de Vigo, resultou gañadora da cuarta edición do Premio Universitario de Comunicación Científica Contar a Ciencia, convocado pola Real Academia Galega de Cienciasla Caixa, e organizado por GGCiencia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O traballo, titulado ‘A menciña dos esquecidos’, afonda no traballo do grupo de Xenética Humana da Universidade de Vigo, onde estudan enfermidades raras como as síndromes de Bardet-Biedl e de Alström. O traballo presenta un elaborado audiovisual que foi especialmente valorado polo xurado.

Como gañadora do certame, Claudia Alonso recibirá 700 euros, un smartphone P501 da marca galega Primux e un diploma acreditativo.

Os dous finalistas do certame foron Iago Souto e María Isabel Villamarín. Souto realizou unha reportaxe audiovisual sobre os traballos científicos arqueolóxicos que se realizan na Lanzada, sobre un antigo castro e unha factoría romana. ‘A Lanzada: historia baixo a area’ era o título desta peza, que foi moi aprezada polo xurado. Pola súa banda, Villamarín foi elixida finalista pola súa reportaxe ‘Hipóteses para entender o corazón’, no que analiza os traballos realizados polo Citius de Santiago para un programa que analiza dun xeito máis preciso as lecturas dun electrocardiograma.

Estudantes das tres universidades galegas presentaron as súas propostas de reportaxes nesta edición do Contar a Ciencia, das que foron seleccionadas as nove publicadas ao longo das últimas semanas en GCiencia.

O xurado estivo composto por representantes do Colexio de Xornalistas de Galicia, da Real Academia Galega de Ciencias, da delegación territorial do CSIC, da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, da fundación “la Caixa”, de GCiencia e polo científico Antonio Figueras.

O premio pretende poñer en valor o xornalismo científico entre os futuros profesionais da comunicación e dar a coñecer a investigación científica universitaria que se fai en Galicia. A entrega dos premios celebrarase o vindeiro 20 de xuño, nun acto organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, que se celebrará no pazo de San Roque de Santiago.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.