Exemplares de ostra empregados na investigación

Exemplares de ostra empregados na investigación

O grupo Acuibimol reduce á metade o tempo de cultivo da ostra

Os investigadores da Universidade de Santiago conseguen acelerar a cría deste prezado bivalvo

Por Paula Riveiro

O cultivo de ostra plana europea viuse moi reducido nos últimos anos debido ás dificultades que se atopan para a produción da semente e tamén a que en España a produción natural non chega para abastecer a elevada demanda. Ante esta situación de descenso da produción, o grupo de investigación ACUIBIMOL, do Instituto de Acuicultura da USC, creou un protocolo que chega a reducir á metade os tempos de cultivo deste molusco e aumentar tamén o número de larvas viables.

As ostras están consideradas como un dos mariscos para o consumo máis prezados na nosa sociedade. Durante moitos anos a ostra foi parte fundamental da dieta humana. Son un xénero de molusco bivalvo mariño que está composto de dúas valvas case circulares e desiguais. Existen diversas especies e o seu medio natural de cría é nas rocas ou enterradas na area. Estas segundas son as que chegan a producir perlas, as coñecidas e valiosas pedras preciosas, grazas aos sedimentos que van acumulando no seu interior. A ostra que se coñece en Europa é a Ostrea edulis, ou ostra plana europea, que é nativa do continente. España é, na actualidade, un dos principais países produtores deste molusco.

A excesiva demanda de ostra non se logra satisfacer coa produción natural

A ostra alimentase do fitoplancton disperso na auga e as que se dan nas rías galegas chegan a alcanzar un talle de 6 a 8 centímetros ao cabo de 12 a 24 meses, mentres que noutros países europeos poden tardar ata catro anos en alcanzar esa mesma medida.Dende fai anos o cultivo deste tipo de molusco reduciuse moito en Europa xa que existen numerosas dificultades para a produción sostible da ostra plana europea durante todo o ano. Ademais disto, a excesiva demanda que hai do marisco non se logra satisfacer coa produción natural. “A sobre explotación, introdución de ostras foráneas e a introdución de enfermidades que levaron a mortandades masivas provocaron que se reducira a súa produción”, tal e como afirma Luz Pérez-Parallé, integrante do grupo ACUIBIMOL. É por iso que, dende o Instituto de Acuicultura da USC, xunto coa Confraría de Pescadores de Noia, decidiron levar a cabo esta iniciativa para poder aumentar e acelerar o proceso de cría das larvas.

O protocolo que se creou consiste no acondicionamento de proxenitores de ostra plana en condicións adecuadas de fotoperíodo, temperatura e ración e composición do alimento. Segundo afirma Pérez-Parallé, isto “permitirá acelerar o proceso do desenvolvemento gametoxénico no outono e no inverno, fóra da época natural de produción larvaria”. Porque o desove de larvas prodúcese en condicións naturais nos meses cálidos de xuño e xullo, é por iso que a maioría destes moluscos que saen ao mercado proceden de cultivo, xa que gran parte do ano a produción natural é máis escasa.

O proceso de obtención de larvas redúcese e obtívose maior cantidade de larvas viables

En Galicia as ostras son consideradas de moi boa calidade debido as augas cálidas das rías. O cultivo faise de maneira algo distinta, xa que é levado a cabo en bateas e praias, moi semellante aos mexillóns. Tras as investigacións realizadas no Instituto de Acuicultura, determinouse que as mellores condicións para a cría de larvas están na temperatura da auga, que debe ser de entre 14 e 18 graos, nas horas de exposición solar, entre 8 e 16 horas, e na ración de alimento, que debe ser equivalente ao seis por cento do seu peso en seco.

Os tempos de produción das larvas de ostra plana europea varían en función da temperatura da auga e das horas de exposición solar, pero tamén da estación do ano. En condicións naturais, a cría de larvas de ostra ten unha duración mínima de dezaseis semanas en outono e arredor de dez no inverno. Segundo afirman dende o grupo de investigación: “o proceso de obtención de larvas redúcese e ademais obtívose un número máis elevado de larvas viables”. Deste xeito, mediante este protocolo logrouse reducir o tempo de cría de larvas a dez semanas no outono e catro no inverno.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.