Equipo responsable do proxecto da horta. Foto: Alba Martín.

Equipo responsable do proxecto da horta. Foto: Alba Martín.

Unha horta urbana para facer Ourense máis verde

Os alumnos de Ciencias da Educación e de Ciencias Medio Ambientais xúntanse para crear unha horta comunitaria

Alba Martín / Universidade de Vigo

Semella que as cidades tornáronse grises, escuras. Os parques foron substituídos por centros recreativos, os bancos ao aire libre por cafetarías e as ideas sobre cambiar o mundo quedáronse en simples conversas. En medio desta realidade agrisada, aparecen iniciativas como as hortas urbanas, as cales preséntanse como unha alternativa ecolóxica e saudable á cesta da compra. María Veiga e Serxio Souto, estudantes de Ciencias da Educación, propuxeron a creación dunha horta comunitaria orientada ao alumnado de escolas e institutos. Segundo María, esta iniciativa xurdiu da súa experiencia en Salamanca, onde hai colexios que destinan parte das horas lectivas a traballos na horta. No seu regreso a Ourense, Serxio e María expuxeron aos integrantes de AUCE (Asociación Universitaria de Ciencias da Educación) e á asociación Ecous, composta por estudantes de Ciencias Medio Ambientais, a proposta da horta urbana, a cal foi aceptada.

A iniciativa basease na necesidade dunha involucración máis activa da universidade, das familias e do alumnado no proceso educativo. Ademais, AUCE e Ecous pretenden fomentar a agricultura ecolóxica, o coñecemento da flora e fauna autóctonas e o respecto polo medio ambiente. Tamén conta co apoio do profesorado da universidade que considera que é unha idea innovadora, a cal promove o traballo en equipo. O proxecto atópase en fase de desenvolvemento, pero AUCE e Ecous pretenden implantalo no vindeiro curso lectivo. Na súa primeira posta en marcha, impartirase aos estudantes de 1º de ESO do IES As Lagoas, centro que se atopa ao lado da zona universitaria. Os impulsores da proposta queren conseguir que as actividades horticultoras formen parte dos obxectivos curriculares do alumnado.

Foto: Alba Martín.

Foto: Alba Martín.

A localización da horta será no Campus Sur da cidade. Nesta zona, a universidade conta cunha parcela, a cal encóntrase en desuso. “En canto acaben os trámites administrativos, Ecous procederá ao limpado e adecuación do terreo” comenta Diego Salgado, estudante de Ciencias Medio Ambientais. AUCE e Ecous pediron unha subvención coa que pretenden costear os utensilios de labranza e demais produtos agrícolas. Aínda que son conscientes de que a cantidade proporcionada non cubrirá todos os gastos, o seu entusiasmo por sacar adiante o proxecto non ten límites. “Temos pensado levar a cabo unha recollida de ferramentas entre os veciños e calquera persoa que poida aportar algo”, comentan as asociacións.

Os produtos agrícolas colleitados serán entregados ao Banco de Alimentos de Ourense

Ademais do factor social, as hortas urbanas poden aportar grandes beneficios para a saúde. Actualmente, moitos dos alimentos que inxerimos proveñen de grandes plantacións nas que utilízanse fertilizantes artificiais e insecticidas que poden resultar daniños para o organismo. Os integrantes de Ecous e AUCE teñen claro que limitarán, na medida do posible, o uso de produtos sintéticos.

Os alumnos de Ciencias Medio Ambientais serán os responsables da parte loxística da creación da horta. Eles encargaranse da verificación da calidade do terreo, que determinará o resto de procedementos a seguir. O profesor José García Queijeiro, docente de Ciencias Medio Ambientais, expón as súas impresións acerca do solo: “paréceme recordar que é pouco apropiado e, de feito, é máis un sedimento areoso que un solo en sentido estrito”. A pesar da inestabilidade do terreo, “dada a granulometría areosa, non creo que poidan presentarse problemas de drenaxe” comenta Queijeiro “aínda que, debido á climatoloxía de Ourense, será necesario un sistema de rego”.

Unha das actividades a desenvolver cos alumnos será a fabricación de abonos, fertilizantes e da compostaxe, elemento fundamental na preparación do terreo. Para garantir a súa correcta elaboración, contan co asesoramento do profesor José López Periago, docente en Ciencias Medio Ambientais e Inxeniería Agraria: “os abonos e fertilizantes utilízanse exclusivamente para nutrir o solo, mentres que a compostaxe ten a función de estabilizar a materia orgánica para que esta evolucione de forma controlada.” Estes compostos pódense elaborar a partir da reciclaxe dos restos orgánicos que se producen no fogar. Nun primeiro instante, as tarefas a realizar pareceren doadas, pero un fallo nalgún dos procesos pode provocar enormes danos. “Unha mala elaboración da compostaxe podería orixinar sustancias tóxicas que afectarían a totalidade do terreo e, polo tanto, aos cultivos” explica Periago. Nesta etapa, tamén é importante aplicar o abono de fondo, que aportará os nutrientes necesarios. “O solo é un elemento prioritario. A xente cando pensa na carreira de Medio Ambientais dálle máis importancia aos animais e ás plantas, e non se dan conta de que o seu sustento nace do solo” sinala Antía Alberte, estudante de Ciencias Medio Ambientais.

As especies elixidas para plantar coinciden en datas co calendario escolar

A universidade tamén conta cun invernadoiro no que poderase levar a cabo a preparación dos sementeiros. Segundo o produto sementado, este pode precisar uns días ou incluso un mes até que saian os primeiros brotes e se poida transplantar á horta. O invernadoiro garante as condicións óptimas para a xerminación das sementes, proceso que se da entre os 15-25ºC.

Á hora de elixir qué especies plantar, o máis práctico é adaptarse ao calendario escolar. “Nun principio, as especies a cultivar serán de inverno. Por exemplo, as coles plántanse en outono para a súa recollida en inverno, e o mesmo coas especies de primavera, de ciclo curto para que completen o seu desenrolo antes do remate do curso”, apunta Queijeiro. Outra opción é cultivar especies que se poidan sementar en calquera momento do ano, como o rábano. “É nesta etapa de florecemento na que procederase á aplicación do abono de mantemento” sinala o docente. A estacionalidade dos cultivos favorece o descanso do solo, xa que utilizarase a totalidade do terreo para a plantación durante os meses de clase, deixando que repouse nos períodos vacacionais.

Os alimentos recolectados destinados ao consumo someteranse a unha análise previa. O edificio politécnico do campus conta cun laboratorio no que realizar exames sensoriais e análises microbiolóxicas. A priori, AUCE e Ecous non contan con alcanzar unha produción cuantiosa, polo que os produtos cultivados serán dados aos participantes das actividades. “De darse o caso dunha sobreprodución doaremos os excedentes ao Banco de Alimentos de Ourense” explica Diego.

Unha resposta a “Unha horta urbana para facer Ourense máis verde”

  1. Serxio

    Bo día,

    só aclarar que a iniciativa da horta social plantexouse dende o comezo por parte da asociación AUCE, dentro doutras moitas iniciativas que promovemos dende a asociación; é dicir, non é que a idea viñera de Salamanca, é un proxecto que xa se levaba argallando dende había uns anos dende a asociación universitaria, ao detectar esa necesidade; María incorporou a súa experiencia no vivido e visto en Salamanca.

    É unha puntualización importante, xa que é recoñecer a iniciativa e a forza dinamizadora de AUCE, así como a súa teima en mudar para mellor a nosa contorna.

    Gracias e un saúdo

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.