palmeiras

Por que o picudo vermello está matando ás palmeiras?

O insecto, coa apariencia dunha vacaloura de cor ferrosa, xa destruíu centos de palmeiras na provincia de Pontevedra

En xaneiro de 2013 chegou a Galicia o inimigo máis íntimo para as palmeiras. O picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus), un insecto orixinario do Sueste Asiático, apareceu en Gondomar despois de estenderse desde Asia á península Arábiga e Oriente Medio ata chegar ao sur de Europa durante os últimos tres decenios. É un auténtico depredador destas plantas, xa que non as deixa en paz ata que as mata.

Aínda que non é unha especie propia do país, a palmeira en Galicia está unida a un fenómeno imprescindible para entender a nosa historia como é a emigración. A palmeira era a planta que os indianos sementaban nas ostentosas vivendas que erixían nas súas aldeas de orixe, así como nas alamedas construídas cos cartos dalgún destes filántropos. Era, en definitiva, a lembranza daqueles tempos, tan duros para todos e tan enriquecedores para uns poucos.

Este insecto, semellante a unha vacaloura do cor do óxido ferroso, é fatal para as palmeiras. Os machos chegan ás palmeiras e liberan feromonas, unhas substancias químicas que atraen ás femias ata o lugar. Así, prodúcese o apareamento, e nacen as larvas. Estas comezan a chuchar o interior das plantas, sucan galerías, constrúen o seu propio casulo coas fibras da propia árbore e poñen novos ovos.

Os síntomas da praga pronto se fan visibles no exterior. As follas novas comezan a debilitarse e collen un ton amarelo. A copa da árbore perde vigor. En infeccións avanzadas, o penacho despréndese completamente, quedando só o tronco en pé.

En só tres anos, detectáronse positivos en máis de vinte concellos da provincia de Pontevedra, e a praga non parece deterse. Ao norte, xa está á altura de Vilagarcía de Arousa, e provocou a morte de decenas de exemplares. E en concellos coma Tui, estímase que o 90 por cento destas plantas están afectadas.

logo_MEIC_FECYT_Web

3 respostas a “Por que o picudo vermello está matando ás palmeiras?”

  1. MaildeSilva

    A minha palmeira tem essa doença mas eu deitei veneno para pragas e matou os insectos todos e larvas…mas difícilmente se recompora!

  2. Juan

    Dende o meu punto de vista, o problema acaba de comenzar e lamentablemente non se están adoptando as medidas oportunas, nin por parte das administracións, nin por parte dos particulares. É sabido que os tratamentos preventivos son moi caros, e que a administración non se pode facer cargo de todo, pero quizais os concellos, por ser os entes administrativos máis próximos a esta realidade, deberían de estar atentos e facilitar a inmediata retirada e destrucción dos exemplares afectados. A súa presencia moribunda é garantía dunha maior propagación da praga.
    Ou se adoptan medidas colectivas axiña ou pronto veremos derribadas as palmeiras centenarias das nosas alamedas e xardíns públicos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.