A micoloxía e as producións non madeireiras do monte centran a temática dunha xornada de carácter formativo e divulgativo que se desenvolverá o 15 de outubro nas instalacións da Estación Científica do Courel. A inscrición nesta actividade, organizada en colaboración coa Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), é de carácter gratuíto e permanece aberta ata o 7 de outubro.
Un relatorio sobre sistemas silvopastorais, a cargo de María Rosa Mosquera Losada, profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, abrirá o programa dunha xornada, na que, de seguido, o enxeñeiro de Montes Abel Yáñez Armesto guiará unha aproximación ao mundo da apicultura.
Unha sesión sobre plantas medicinais e aromáticas e outra relativa a froiteiras arbustivas, a cargo das tamén profesoras do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPSC, Rosa Romero e María Belén Díaz Hernández, respectivamente, completan a primeira parte do programa matinal desta xornada.
Os froitos e as sementes das árbores, os cogomelos comestibles e os cogomelos tóxicos son outras das cuestións que abordarán neste foro os profesores da USC Santiago Pereira Lorenzo e Antonio Rigueiro Rodríguez, ademais do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Xa en quenda de tarde, as persoas interesadas poderán participar nunha saída guiada ao monte para identificar e recoller cogomelos.
A inscrición nesta xornada de carácter gratuíto e coordinada polos profesores da USC Antonio Rigueiro, María Rosa Mosquera e Xan Neira pode facerse ata o venres 7 de outubro nas instalacións da Estación Científica do Courel en quenda de 10.00 a 14.00 horas, ou a través dos números de teléfono 982 821 901 e 600 942 418. Tamén é posible formalizar a matrícula a través do enderezo de correo electrónico antonio.rigueiro@usc.es.