Jacobo de Uña, investigador do SiDOR, xunto ao decano da Facultade e o decano da facultade e o director do Departamento de Estatí­stica e Investigación Operativa.

Jacobo de Uña, investigador do SiDOR, xunto ao decano da Facultade e o decano da facultade e o director do Departamento de Estatí­stica e Investigación Operativa.

Vigo acollerá en xullo a reunión anual da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica

“Promover o estudo dos principios e métodos relativos ao deseño e análise na investigación clínica e incrementar a relevancia da teoría estatística na medicina clínica do mundo real”. Este é o obxectivo principal do 38º Congreso Anual da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica que se celebrará do 9 ao 13 de xullo no Auditorio Mar de Vigo, tal e como indica o catedrático da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Jacobo de Uña, presidente local do comité organizador e principal responsable do grupo de investigación SiDOR (Statistical Interference, Decision and Operations Research), un dos máis activos a nivel nacional en temas de bioestatística.

“Dentro da Universidade somos moitos os que traballamos neste tema, tanto desde o noso grupo como desde o Centro de Investigación Biomédica, do que formamos parte” apunta De Uña, facendo fincapé no peso que pouco a pouco van adquirindo a nivel internacional. “A recente participación do SiDOR no programa de doutoramento internacional en Bioestatística MEDIASRES, financiado polo programa Marie Curie da Comisión Europea, deunos maior visibilidade”, subliña o docente.

A convención, organizada pola Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica (ISCB), está dirixida fundamentalmente ao colectivo de estatísticos, clínicos e profesionais relacionados como epidemiólogos ou farmacólogos, segundo confirma De Uña, membro tamén da agrupación estratéxica ECOBAS (Economic and Business Administration for Society).

Estarán presentes os prestixiosos investigadores Anastasios Tsiasis e Francesca Dominici

O trixésimo oitavo congreso da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica contará cun amplo abano de actividades que inclúen, ademais das sesións de relatorios, talleres e simposios, un foro científico internacional para o intercambio de teoría, métodos e aplicacións da bioestatística na investigación médica. Por segunda vez na historia do congreso, a cita incluirá tamén o denominado Día dos Estudantes, unha xornada dirixida ao alumnado a piques de graduarse ou en fase de doutoramento, na que intercambiar pensamentos e ideas, e no que haberá tres relatorios para dar consellos aos asistentes sobre estratexias orientadas a acadar o éxito na investigación bioestatística.

O congreso contará nesta ocasión con dous conferenciantes de gran prestixio internacional, Anastasios Tsiatis, profesor de Estatística da Universidade de Carolina do Norte, e Francesca Dominici, decana asociada de Tecnoloxía da Información na Escola de Saúde Pública de Harvard, que abordarán “temas de moitísima relevancia, como son os tratamentos discontinuos e dinámicos en ensaios clínicos”, explica o responsable do grupo SiDOR. O programa científico, “a parte máis relevante e a que dá sentido ao congreso”, contempla ademais oito sesións invitadas e pequenos simposios enfocados ao modelado de screening en pacientes ou o uso de imaxes en estudos clínicos, entre outros temas.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.