De esquerda a dereita, Francisco Marín, Ramón Carballo e Javier Bueno, na Subdelegación do Goberno en Lugo. Foto: USC.

De esquerda a dereita, Francisco Marín, Ramón Carballo e Javier Bueno, na Subdelegación do Goberno en Lugo. Foto: USC.

A USC e a Confederación Miño-Sil avanzan na loita contra a praga do ameneiro

A loita contra a praga dos ameneiros causada polo fungo Phytopthora Alni e o control da presenza de cianobacterias en encoros, lagos e lagoas de auga doce centran dúas liñas de investigación nas que colaborarán diversos equipos de investigación do Campus Terra da USC coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, tal e como se puxo de manifesto este venres no marco dunha reunión de traballo celebrada na Subdelegación do Goberno en Lugo, na que participaron, entre outros, o presidente da CHMS, Francisco Marín, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno.

Esta xuntanza de traballo, da que actuou como anfitrión o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e na que tamén interviñeron o director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta, así como un grupo de investigadores da sede universitaria luguesa relacionados coas áreas de Sanidade Vexetal, Xenética Forestal e Farmacoloxía, serviu tamén para que a CHMN trasladara a súa pretensión de desenvolver un proxecto experimental orientado á depuración de augas residuais procedentes de adegas a través de filtros verdes de plantacións de castaño.

 

Así, respecto do control e posible erradicación da praga dos alisos, cuxos efectos devastadores se aprecian especialmente nas áreas de ribeira da Terra Chá, Bueno lembrou o traballo xa desenvolvido polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) para a identificación e localización das áreas máis afectadas por este fungo, ao tempo que se mostrou optimista de cara a que as novas achegas feitas polos investigadores do Campus Terra da USC complementen os traballos que xa se están a realizar na actualidade con Tragsa e permitan a curto ou medio prazo erradicar esta praga e, a ser posible, permitan a conservación e, non seu caso, a rexeneración de todo o material vexetal afectado.

A posible contribución do Campus Terra da USC coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para evitar a concentración excesiva de cianobacterias en encoros ou lagos de auga doce xurdiu a iniciativa propia, sinalou Bueno, quen precisou que tal ofrecemento saíu do catedrático da área de Farmacoloxía da USC Luis Miguel Botana, cuxo grupo de investigación está a piques de patentar un procedemento tecnolóxico para erradicar cianobacterias, cuxa concentración alta resulta tóxica.

A depuración de augas residuais a través de filtros verdes de plantacións forestais é outro dos ámbitos no que os investigadores do Campus Terra da USC xa contan con certa experiencia, segundo relatou Javier Bueno. O vicerreitor de Coordinación do campus lugués agradeceu neste senso á CHMN que favorecera o contacto entre a cooperativa vinícola de Chantada interesada neste proxecto que se desenvolverá nun souto cunha superficie aproximada de 140 hectáreas, e que tamén permitirá aos técnicos da CHMN facer un seguimento, estudo hidrolóxico e da posible afección a augas e solos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.