Venres 19 Abril 2024

Unha tese estuda os efectos da rega e da cuberta vexetal nos viñedos galegos

As prácticas culturais nas vides galegas preséntanse como unha ferramenta clave cara a adaptación das castes galegas fronte a cambiante situación climática en Galicia. O carácter vigoroso das castes galegas xera a necesidade de estudar como controlar o mesmo, sen xerar efectos negativos sobre a calidade do viño, que é o produto final.

O manexo das cubertas vexetais nas entreliñas dos viñedos presenta a vantaxe de competir cos recursos dispoñibles para a viña, reducindo polo tanto o seu vigor. Asemade, a irregularidade na distribución das precipitacións en Galicia, durante a época estival, pode implicar o requirimento de aportar regas complementarias na viña, evitando acadar niveis de estres nos viñedos que reduzan a súa produción e calidade.

Publicidade

Ante e esta situación, o estudo de dúas prácticas culturais no viñedo, tales como o son a rega e as cubertas vexetais, centraron as pescudas desenvolvidas polo licenciado en Enoloxía Emiliano Trigo no marco da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC baixo o título ‘Resposta fisiolóxica e agronómica de variedades galegas de vide a diferentes prácticas de cultivo: cubertas vexetais e rega’.

A tese estuda a resposta á rega das castes autóctonas de vide galega

Nesta investigación de doutoramento, dirixida por José M. Mirás, Ignacio Orriols e polo tamén doutor e profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, Javier José Cancela, o enólogo xienense Emiliano Trigo Córdoba desenvolveu ensaios de rega en parcela para as castes Albariño, Godello e Treixadura nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, ademais de facer un ensaio de diversas cubertas vexetais sobre a caste Mencía na DO Ribeiro. Nestes ensaios, o autor da investigación avaliou os efectos fisiolóxicos, agronómicos e cualitativos dos diferentes tratamentos durante tres campañas, as correspondentes aos anos 2012, 2013 e 2014.

As conclusións recollidas nesta tese, que acadou a mención internacional, sinalan que a rega en Galicia non supuxo melloras produtivas nin cualitativas fronte ao sequeiro, agás na Treixadura nun dos tres anos de estudo. Daquela, conclúese que é preciso realizar novos ensaios con diferentes doses de rega e diferentes períodos de aplicación durante o ciclo vexetativo do viñedo.

No canto das cubertas vexetais, estas produciron unha redución da expresión vexetativa da videira, sen afectar á produción, pero si reducindo o tamaño da baia, o que amosa unha mellor aptitude para a obtención de viños de calidade da caste Mencía, segundo apunta Emiliano Trigo.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento ‘Resposta fisiolóxica e agronómica de variedades galegas de vide a diferentes prácticas de cultivo: cubertas vexetais e rega’ estivo formado por Luis S. Pereira, da Universidade de Lisboa; Jorge Pérez, do Intituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria de Arxentina; Emilio Nicolás, do CEBAS-CSIC de Murcia, Enrique García-Escudero, do ICVV- Universidade da Rioxa, e o profesor da USC Xesús Pablo González, quen actuou en calidade de secretario.

Os membros da comisión responsable de cualificar a investigación de doutoramento desenvolvida na USC por Emiliano Trigo Córdoba acordaron conceder por unanimidade a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Lugo será refuxio climático para as ‘árbores dinosauro’

O xardín botánico Arboretum participa nun proxecto internacional de conservación do coñecido 'piñeiro wollemi'