161021Hempa

Unha tese do Campus Terra crea un sistema para mellorar o traslado de enfermos nos hospitais

Unha investigación desenvolvida no Campus Terra da USC polo técnico de prevención de riscos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) Alberto Villarroya López sobre usos e factores de risco das axudas mecánicas na mobilización de doentes no ámbito sanitario permitiu o desenvolvemento da metodoloxía de avaliación da mobilización de pacientes (HEMPA). Este novo procedemento de análise e medición permite identificar da forma máis completa posible os diferentes factores de risco que coexisten e que están relacionadas ou son consecuencia do emprego de axudas mecánicas nos procesos de mobilización de doentes no ámbito sanitario.

O desenvolvemento da chamada metodoloxía HEMPA é o resultado das pescudas desenvolvidas por Villarroya López no marco da tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC baixo o título ‘Estudo dos equipos mecánicos para a mellora da mobilización de doentes no ámbito sanitario. Aplicación da norma ISO TR 12296-EN para o estudo do risco ergonómico’.

Neste proceso de investigación e antes de propoñer como conclusión a nova metodoloxía HEMPA, Villarroya López tratou de cuantificar apropiadamente o nivel de risco derivado da mobilización de doentes a través do emprego de diversos métodos específicos de avaliación de riscos incluídos na norma ISO TR 12296-EN (Ergonomics: Manuel Handling of people in de healthcare sector).

A tese de doutoramento desenvolvida por Villarroya López baixo a dirección de Francisco Fraga López, Santiago Díaz de Freijo e Pedro Martins Arezes, unha das máximas autoridades no eido da ergonomía, constitúe unha investigación pioneira en España pola súa temática. Os resultados e as conclusións acadadas logo deste exhaustivo labor de investigación antóllanse tamén como ferramentas útiles e valiosas para tratar de diminuír o número de casos de trastornos músculo-esqueléticos derivados da mobilización de doentes, tanto no ámbito hospitalario como no sector sanitario.

Unha vez testados e verificados os datos resultantes desta investigación, procedeuse á creación dun software que inclúe dez parámetros a ter en conta á hora de facer análises ergonómicas. Este software atópase na actualidade hospedado de xeito provisional nun servidor do Hula, de onde se exportará a todas as sociedades de prevención de riscos laborais, a fin de xeneralizar o uso da metodoloxía HEMPA.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.