Imaxe dunha das excursión organizadas noutra edición do Xeolodía, nesa ocasión en Oia.

Imaxe dunha das excursión organizadas noutra edición do Xeolodía, nesa ocasión en Oia.

Unha ollada xeolóxica para sacar a relucir os tesouros do campus de Vigo

Sacar a relucir os tesouros xeolóxicos do campus de Vigo. Este é o obxectivo que se propón este ano para o Xeolodía 2016, unha cita xa clásica que este ano se celebrará na provincia de Pontevedra o vindeiro sábado día 7 e na que se prevé reunir arredor de 200 participantes que, divididos en catro quendas, poderán coñecer, guiados por un equipo de profesores e profesoras universitarias, os segredos da xeoloxía do campus. “Será unha oportunidade única para achegarse a toda unha serie de información tectónica acerca de como se moveron os continentes ao longo do tempo, onde estaba Galicia e esta parte da península hai 560 millóns de anos, como foron transformándose as rochas e como todo isto foi quedando rexistrado na súa composición mineralóxica”, explica o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, José Bienvenido Díez, un dos docentes implicados na organización local dun evento que esta fin de semana levará excursións gratuítas a todo o territorio nacional.

“É a nosa grande oportunidade para amosar o mundo da xeoloxía ao conxunto da sociedade e lograr que se familiarice con ela”, recalcou Díez, que criticou a perda de peso que está a sufrir esta ciencia no ensino medio e, en xeral, no conxunto da sociedade, “pese a que o seu coñecemento implica desenvolvemento e prevención de riscos, entre outros moitos factores”.

Organízase unha excursión a pé guiada por expertos

Co prazo de inscrición aberto ata as 14.00 horas do vindeiro xoves 5  de maio, os participantes distribuiranse en catro quendas e cada un dos grupos sairá a distintas horas (09.30, 10.30, 11.30 e 16.00 horas). Se ben é unha visita aberta a todo tipo de público, nesta ocasión a primeira quenda da mañá e a da tarde (09.30 e 16.00 horas) terá un nivel un pouco máis avanzado “xa que como acostuman vir moitos docentes de secundaria e persoas moi interesadas polo mundo da xeoloxía cando facemos as explicacións para o gran público acostuman quedarlle un pouco curtas e así nolo fixeron sentir en ocasións anteriores, por iso este ano ímoslle dar unha volta máis e ofrecer nestas dúas quendas unha explicación máis detallada”, explicou Díez, que aclarou que “por suposto” esta información faráselle chegar a todos os participantes para que poidan elixir o grupo que máis lles conveña.

Será unha excursión a pé pola contorna do campus e a duración aproximada da cada unha das visitas é de entre dúas e tres horas. No percorrido previsto faranse tres paradas “nas que se van observar os diferentes tipos de rochas e a súa relación coa tectónica de placas e como se formaron as rochas que están na contorna do campus”, apunta Díez, que explica que todas as visitas estarán guiadas por un grupo de profesores da Universidade de Vigo e da Complutense de Madrid, entre eles, Rubén Díez, quen fixo a súa tese de doutoramento sobre o macizo galego nesta área e de quen partiu a idea de que este fose o lugar elixido para celebrar a edición 2016 do Xeolodía. 

Os participantes coñecerán “onde estaba Galicia hai 560 millóns de anos”

O lugar de encontro será fronte á reitoría e, desde aí partirase cara o aparcadoiro do Servizo de Deportes, un lugar que “estamos vendo a maneira de protexelo como parte do patrimonio xeolóxico do campus”, explicou o docente, que adiantou tamén que se está a analizar a posta en marcha dunha ruta xeolóxica do campus e “desde logo para o alumnado de primeiro curso das materias relacionadas coa xeoloxía vai ser unha parada obrigatoria xa que, xeoloxicamente falando, é moi especial”.

A terceira parada será na zona do aparcadoiro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde, ademais dos detalles máis técnicos, os participantes poderán gozar cunha ampla panorámica do monte Galiñeiro.

Coordinada pola Sociedad Geológica de España (SGE), este é xa o sexto ano que esta actividade se celebra na provincia de Pontevedra e con ela xa se visitaron lugares como a marisma da Ramallosa, as praias de Oia e o Grove, o macizo granítico de Porriño, as illas Cíes e “agora toca o campus”.

Desde a organización local, sacan peito do grao de seguimento que acostuma ter nesta provincia o Xeolodía, “de feito somos un dos lugares onde máis persoas se anotan, pois todos os anos estamos acadando unha media de participantes que oscila entre as 200 e 300 persoas, mentres que na maior parte dos lugares acostuman ser excursións de arredor de 50 persoas”, engadiu Díez.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.