A nova monografía editada pola Real Academia Galega de Belas Artes.

A nova monografía editada pola Real Academia Galega de Belas Artes.

Unha monografía sobre Castelao celebra o Día das Artes Galegas

Editada pola Real Academia Galega de Belas Artes, afonda na faceta artística do intelectual de Rianxo

No ano 2015, a Real Academia Galega de Belas Artes fixou que cada 1 de abril se celebraría o Día das Artes Galegas, escollendo cada ano unha figura relevante da historia das artes en Galicia para homenaxear. Deste xeito, 2016 foi declarado pola entidade como o Ano Castelao, levando a cabo unha serie de iniciativas que tiveron como obxectivo difundir a obra do creador galego partindo da premisa de que non se pode entender a obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao nin a súa relevancia histórica sen ter en conta a súa faciana como debuxante e ilustrador. Unha publicación, na que participan de xeito destacado María Victoria Carballo-Calero, catedrática emérita de Historia Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, e Diana Vilas, investigadora desta mesma universidade, vén de saír do prelo.

María Victoria Carballo-Calero.

María Victoria Carballo-Calero.

A Monografía sobre Castelao Artista, editada pola Real Academia Galega de Belas Artes co apoio da Deputación Provincial da Coruña, está conformada por tres textos cos que se pretende pór de relevo unha das “facetas máis salientables da figura conmemorada, a de debuxante, grafista e ilustrador”. O primeiro deles está asinado por María Victoria Carballo-Calero e correspóndese co discurso da conferencia pronunciada por ela mesma o día 1 de abril no Museo de Pontevedra no acto institucional de homenaxe a Castelao. O estudo da obra de Castelao sempre foi unha constante na súa dilatada traxectoria investigadora, levando a cabo un amplo abano de proxectos estatais e publicacións dedicadas ao artista nado en Rianxo.

O texto de María Victoria Carballo-Calero incluído na publicación, do que a autora apunta que non foi escrito para publicar senón para ler en conferencia, reprodúcese intacto, tal como foi disertado. Nel, a catedrática e membro da Real Academia Galega de Belas Artes, foi a encargada de pór en palabras a relevancia artista do homenaxeado e fíxoo a través dun percorrido selectivo polo Álbum Nós. A través da análise de varias das estampas máis significativas desta obra, Carballo-Calero amosa a ruptura de Castelao coa tradición plástica galega, a súa busca da expresividade e o seu compromiso coa Galicia rural e cos desfavorecidos.

Diana Vilas, María Victoria Carballo-Calero e Valeriano Bozal asinan o libro

O libro da Real Academia Galega de Belas Artes inclúe tamén un texto de Diana Vilas, investigadora que actualmente realiza a súa tese de doutoramento baixo a dirección de María Victoria Carballo-Calero. O seu texto leva por título Aproximación a un estudo temático das cousas de nenos de Castelao e nel aborda a figura dos menores na obra Cousas da vida. “A figura dos nenos é un motivo recorrente nas súas estampas, e este é un aspecto que, baixo o meu punto de vista, debemos relacionar coa función social destas imaxes no momento da súa publicación”, explica a investigadora da Universidade de Vigo no seu artigo. As estampas estudadas, recalca, supoñen “unha análise perspicaz dalgúns dos dilemas que afectaron á infancia galega naquel entón” mais, engade Vilas, “a mirada lúcida da nenez desborda na obra do rianxeiro o seu ámbito de socialización frecuente –escola, familia, traballo, desamparo, lecer- e vértese sobre moi diversos asuntos que atinxiron a esta Galicia de comezos de século. Así, nos seus interrogantes e conversas, aparentemente triviais, Castelao reflicte e critica actitudes, feitos ou tradicións, usando como vehículo catalizador o candor e a sinxeleza da infancia”.

Completa a obra un texto asinado por Valeriano Bozal, catedrático de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid que ten estudado a obra de Castelao ao longo da súa traxectoria e publicado textos como Sátira y tragedia: las imágenes de Castelao ou Castelao, imágenes de la Guerra. No seu artigo, Bozal analiza diversos debuxos do autor galego relacionados coa guerra, contextualizándoos na pintura de guerra ou batalla e en referentes neste eido como Goya. Ao longo das páxinas, o catedrático dedica especial atención á peza A derradeira lección do mestre, de Galicia mártir. Esta imaxe, apunta Valeriano Bozalno seu texto, “é un dos mellores debuxos do artista, tanto pola súa sobriedade como polo tratamento visual da escena”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.