O artigo de Armando Caballero foi premiado na categoría de xenética cuantitativa

O artigo de Armando Caballero foi premiado na categoría de xenética cuantitativa

Armando Caballero, catedrático da UVigo, premiado pola Sociedade Americana de Xenética

O profesor Armando Caballero, catedrático da Universidade de Vigo, recibiu unha das distincións outorgadas nos Centennial Awards, uns premios impulsados pola revista Genetics, que edita a Sociedade Americana de Xenética. Caballero asinou como investigador principal, xunto aos científicos da Universidade de Edimburgo Albert Tenesa e Peter D. Keightley, unha investigación que foi recoñecida na categoría de xenética cuantitativa, un dos tres eidos nos que se dividían estes premios, que recoñecen artigos excepcionais publicados no eido da xenética.

A investigación liderada por Caballero titúlase  The Nature of Genetic Variation for Complex Traits Revealed by GWAS and Regional Heritability Mapping Analyses e xurdiu tras unha estancia de tres meses que o profesor vigués fixo en 2013 en Escocia. O artigo de Caballero, Tenesa e Keightley céntrase no eido da heredabilidade perdida. O investigador explica que “hai moitos carácteres, chamados carácteres cuantitativos, complexos ou multixénicos, para os que unha parte da súa variación se debe ao ambiente e outra é hereditaria e débese a múltiples xenes”. A parte da variación que é hereditaria recibe o nome de “heredabilidade” e, entre os carácteres cuantitativos, inclúense a maioría dos que varían de forma continua como estatura, peso, etc., pero tamén moitas enfermidades importantes como hipertensión, diabete, cancro, obesidade, enfermidades coronarias e, segundo apunta Caballero, “unha longa lista de doenzas cuxa predisposición non se debe a un xene, senón a varios ou quizais moitos”, o que converte a súa investigación nunha tarefa moi complexa.

A investigacion de Caballero analiza a heredabilidade xenética dos individuos

Tras coñecer a concesión deste premio, Armando Caballero destacaba que “sempre se agradece que se recoñeza o teu traballo”, especialmente cando o fai unha das revistas máis prestixiosas do mundo no ámbito da xenética. Pero subliña que este tipo de galardóns son importantes principalmente para que a sociedade vexa que “os investigadores españois traballamos a un bo nivel”, poñendo así en valor a existencia de “excelentes” científicos en España “a pesar dos nosos limitados recursos e de como se sitúen as universidades nos ránkings”. A concesión deste premio para os autores principais de cada artigo inclúe a asistencia subvencionada á Allied Genetics Conference, unha xuntanza impulsada pola Sociedade Americana de Xenética que reúne investigadores de diferentes campos relacionados coa xenética.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.