Xoves 18 Abril 2024

Un acordo entre a Universidade de Vigo, a Xunta e o Sergas potencia a investigación científica conxunta

Facilitar a realización de actividades conxuntas entre a comunidade investigadora vinculada á Universidade de Vigo, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Biomédica Galicia Sur. Este é o principal obxectivo dun acordo de colaboración asinado este luns no Hospital Álvaro Cunqueiro polo reitor, Salustiano Mato; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente do padroado da Fundación Biomédica Galicia Sur, Félix Rubial.

Mediante este acordo, que ten unha vixencia de catro anos, as tres entidades comprométense a potenciar a colaboración entre profesionais sanitarios e facultativos que desenvolvan actividades de investigación científica. Así, poderán transformar os seus coñecementos, capacidades e potencialidades en solucións que respondan aos retos e necesidades do sistema sanitario e dos seus usuarios.

Publicidade

O Álvaro Cunqueiro conta cunha sala de investigación de 1.800 metros cadrados

Trátase de potenciar a posta en marcha de proxectos conxuntos entre membros da Universidade de Vigo e aqueles vinculados aos centros sanitarios do Sergas, á Fundación Biomédica Galicia Sur e a ACIS (Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde) que poderán desenvolver a súa actividade investigadora nas Estruturas de Xestión Integrada de Vigo; Pontevedra e Salnés; e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Isto supón que os investigadores de calquera das institucións asinantes poderá utilizar as dependencias das outras dúas institucións, facilitando deste xeito o uso racional dos recursos e as sinerxías entre profesionais.

Este uso compartido de dependencias de investigación facilitará tamén a integración da investigación básica e clínica desenvolvida na contorna das institucións asinantes -unidades e grupos de investigación da Universidade de Vigo e das Xerencias de Xestión Integrada de Vigo, Pontevedra e Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras- posibilitando e facendo máis eficaz a transferencia á sociedade dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento de enfermidades.

Coa sinatura deste acordo a comunidade investigadora da Universidade de Vigo terá pois acceso, entre outras, á Área de Investigación do Hospital Álvaro Cunqueiro, dotada de 1800 metros cadrados de laboratorios nos que se investiga en diversos campos: enfermidades psiquiátricas e neurodexenerativas, patoloxía cardiovascular, enfermidades hereditarias e oncoloxía… e, doutra banda, o persoal vinculado ao Sergas e a Fundación Biomédica Galicia Sur poderá así mesmo compartir espazos e proxectos cos diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo vinculados ás ciencias da saúde (inmunoloxía, endocrinoloxía, neurociencia, microbioloxía, saúde pública…) O obxectivo é desenvolver unha colaboración estable e ampla na procura dunha investigación de excelencia que contribúa a mellorar a calidade de vida da poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"