ecuación diferencial

Tres destacados matemáticos, no taller de Ecuacións Diferenciais de Ourense

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle do 1 ao 3 de xuño o Workshop 2106: Differential Equations and Applications. A cita, organizada polos membros do proxecto EM2014/032 da Xunta de Galicia coa colaboración do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo e do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, traerá ao campus de Ourense a tres destacados matemáticos e matemáticas para abordar diferentes aspectos das ecuacións diferenciais e as súas aplicacións. Estas ecuacións son primordiais para o coñecemento e o avance en moitas disciplinas, desde a economía e a enxeñaría á física ou a bioloxía.

O taller está coordinado polo docente da Universidade de Vigo José Ángel Cid, investigador principal do proxecto no que tamén participan pola Universidade de Santiago de Compostela Rubén Figueroa e F. Adrián F. Tojo. A actividade constará de tres cursos diferenciados, cada un deles impartido por un dos expertos convidados. Teresa Faria, da Universidade de Lisboa, afondará nas ecuacións diferenciais con retardo e as súas aplicacións en dinámicas de poboación, onde permiten ver como evolucionará un determinado grupo ao longo do tempo. Marlène Frigon, da Universidade de Montreal, falará dos resultados de punto fixo en espazos de Fréchet e as súas aplicacións na resolución de ecuacións integrais e diferenciais. Por último, Gennaro Infante, da Universidade de Calabria, abordará ao longo do seu curso a teoría do índice de punto fixo, un método topolóxico que permite ter información cualitativa das ecuacións diferenciais.

A actividade, destacan os seus organizadores, está aberta a todas as persoas interesadas nesta temática con coñecementos matemáticos axeitados aos contidos que se abordarán. As ecuacións diferenciais, sinalan, establecen unha relación entre unha función e as súas derivadas, como por exemplo na segunda lei de Newton, e forman parte fundamental da linguaxe de moitas ciencias. Por este motivo, a ampliación dos coñecementos neste eido non só atinxe aos matemáticos senón tamén a persoal investigador e docente de todo tipo de áreas, como a física ou a enxeñaría.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.