Ainara Duque (segunda pola esquerda), xunto ao director da súa tese, Joaquín Dosil (esq.) e os membros do tribunal. Foto: Duvi.

Ainara Duque (segunda pola esquerda), xunto ao director da súa tese, Joaquín Dosil (esq.) e os membros do tribunal. Foto: Duvi.

Unha tese de doutoramento busca predicir as consecuencias da retirada deportiva

A investigadora Ainara Duque Ingunza trata de predicir, na súa tese de doutoramento ‘Análisis descriptivo y comparativo de deportistas de alto rendimiento retirados y en activo’, como vai afectar a un ou unha deportista o momento da súa retirada, para así poder planificar unha intervención preventiva que contribúa a minimizar ou eliminar os efectos dunha transición, que nalgúns profesionais chega a producir estrés, depresión ou mesmo perda de identidade.

A principal novidade é a “visión prospectiva” que achega respecto das perspectivas que teñen os deportistas en activo sobre a súa futura retirada. Unha visión, recoñece, “apenas desenvolvida” no eido da psicoloxía do deporte e que levou a esta investigadora a deseñar un cuestionario de adaptación á retirada deportiva, que validou cunha mostra de 346 deportistas de 51 modalidades.

Duque Ingunza, profesora da Facultad de Educación e Deporte da Universidad do País Vasco/Euskal Herriko Univertsitatea (UPV/EHU), realizou tamén para a súa investigación un estudo comparativo da percepción que tiñan deste momento futbolistas retirados e en activo da Real Sociedad de San Sebastián e do Atlético Osasuna. Neste primeiro estudo da tese, que a investigadora desenvolveu na Universidade de Vigo baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Joaquín Dosil, puido constatar como os xogadores en activo non pensan na retirada, “pero cren que será positiva e necesitará pouco axuste”, mentres que os ex-futbolistas recoñecen que atoparon na transición máis dificultades das que crían.

Se ben algúns deportistas viven esta transición “de forma satisfactoria”, diferentes variables inflúen na súa adaptación a este momento de cambio, como a súa planificación previa, “a identificación exclusivamente deportiva” da persoa afectada ou as relacións co club ou a posibilidade de seguir ligado a este, entre outos, explica Duque.

A análise tamén permitiu comprobar que o 66% dos enquisados non pensou neste momento de abandono do deporte profesional, “o que impide a planificación da retirada”, o que a súa vez leva a que as dificultades ás que aludiron máis do 90% dos ex-futbolistas, como “a perda de estatus social e a dificultade de relación con familia e amigos”, apenas sexan mencionadas polos xogadores en activo.

Unha ferramenta que achega unha nova visión

A maioría dos cuestionarios deseñados dende o eido da psicoloxía do deporte están dirixidos a ex-profesionais, co propósito de coñecer a súa experiencia ou as causas da retirada. “O elemento común é que a maioría están dirixidos a deportistas xa retirados, é dicir, teñen unha visión retrospectiva. Esta visión ten limitacións porque o deportista soe racionalizar o momento da súa retirada”, salienta Duque das ferramentas de avaliación existentes, que deixan patente, ao seu xuízo, “a necesidade dunha maior sistematización das entrevistas e da observación e da creación de novos instrumentos de medida” que incorporen, como sinala, esa visión prospectiva.

Esta visión, que permite “predicir se os deportistas terán unha retirada positiva e fácil, ou, polo contrario, dificultosa” é precisamente a principal novidade do Cuestionario de Adaptación á Retirada Deportiva (CARD), que Duque Ingunza desenvolveu no marco desta investigación. Trátase dun instrumento integrado por 32 ítems que permite “ir construíndo un perfil de deportista que a priori terá máis dificultades no momento da retirada”, ao tempo que predicir esas posibles dificultades “e así poder intervir en caso necesario“.

Diferente percepción entre profesionais e amateurs

Unha vez validado o cuestionario, Duque empregouno para comparar as diferenzas na percepción que respecto desta transición poderían atoparse entre deportistas profesionais e amateurs, “en función da categoría, idade e xénero”. Para iso, presentou este cuestionario a futbolistas de Segunda, Segunda División B e Terceira e da Primeira e Segunda División Femininas.

Neste estudo constatouse de novo que as e os “deportistas non teñen a percepción de que vaian a ter unha retirada difícil”, como xa acontecera co realizado con futbolistas profesionais. Aínda que tamén permitiu comprobar como a idade, categoría e ocupación principal inflúen na percepción da mesma.

Unha resposta a “Unha tese de doutoramento busca predicir as consecuencias da retirada deportiva”

  1. iliadde

    Eu creo que en moitos casos hai deportistas que se retiran antes de tempo por presión social. Penso que cando un está nos arredores dos 35 e quizais o seu mellor momento. Únese a experiencia coa capacidade física dun Home/muller xoven. Por exemplo no caso dos astronautas

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.