Víctor Manuel Segura e o director de I+D de Itelsis, Miguel Ángel Conde. Foto: Duvi.

Víctor Manuel Segura e o director de I+D de Itelsis, Miguel Ángel Conde. Foto: Duvi.

Os enxeñeiros de telecomunicación de Galicia premian a un alumno da UVigo

Víctor Manuel Segura, ex alumno do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, acadou o mellor expediente da titulación

Acadar o mellor expediente académico do máster nunca foi o obxectivo”, asegura Víctor Manuel Segura, ex alumno do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que este venres 29 de setembro recibirá o galardón que outorgan a Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ao mellor expediente do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación que se imparte na Universidade de Vigo. Víctor, que recibirá o seu galardón nun acto que se celebrará na Coruña, non considera que este recoñecemento “sexa directamente para min. O meu premio xa o tiven no momento de presentar o proxecto, cando compartín a alegría coa miña familia ou obtendo un posto de traballo en Itelsis, que permite que me esperte con gana de ir a traballar”, asegura este enxeñeiro, para quen o seu éxito é froito dun traballo en equipo “como case todo nesta vida”.

“O éxito é froito do traballo en equipo”, subliña Víctor

Tras cursar o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación, con especialidade en electrónica, Victor Manuel Segura, matriculouse no Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, no que lembra que para acadar unha bolsa cómpre ter unha nota media de 6.5 e un 100% de aprobados. “Así, para sacar unha media de 6.5 tiña que intentar sacar un 11 para evitar sustos ou imprevistos nun plan tan esixente. Sinceramente, o difícil foi levar un equilibrio na miña vida, tendo que traballar con bolsas de formación na universidade e intentando acadar unha media superior á pedida sen suspender nada”, explica Segura, que non descarta cursar un programa de doutoramento para “ seguir aprendendo todo o que poida, tamén con vistas a poder ser docente nun futuro hipotético”.

Victor Manuel Segura desenvolve a súa actividade profesional neste intre na empresa Itelsis, na que tamén levou a cabo o seu proxecto fin de mestrado. “Pretendo unha actividade profesional lineal e progresiva, comezando como enxeñeiro nun ámbito técnico e crecendo en fortalezas de organización, xestión e liderado, xa que é algo co que disfruto moito. A finalización desta etapa e o acadar este premio espero que sexa só o inicio ou chave para a seguinte aventura”, explica o enxeñeiro.

Os outros galardóns

Na gala que se celebrará o vindeiro venres, Paulino González recollerá o premio Enxeñeiro do ano; Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o premio Socia de Honra; Situm Technologies, o premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC; Balidea Consulting&Programming, premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa Amtega; Alejandro Ramos, premio Gradiant á mellor tese de doutoramento aplicada ao sector TIC e Finsa, premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.