O simposio celébrase xunto  feira Termatalia.

O simposio celébrase xunto feira Termatalia.

O II Simposio Internacional sobre Termalismo reunirá en Ourense a 200 profesionais e investigadores

Un foro de encontro de arredor de 200 profesionais e investigadores relacionados co eido do termalismo que quere fomentar a transferencia de coñecemento e estimular o contacto entre os diferentes axentes do sector. Con este obxectivo preséntase o II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, que os días 20 e 21 de setembro de 2017 terá lugar en Expourense ligado á celebración da 17ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia). A iniciativa está organizada no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.

O simposio, que se celebra con carácter bianual, está liderado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e conta na súa organización coa participación do Concello e da Deputación Provincial de Ourense e da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense Expourense. A cita, salientan os seus responsables, destaca polo seu carácter multidisciplinar e internacional, contando cuns comités científico e organizador acordes a estas características. Esta segunda edición, engaden, pretende consolidar un evento científico que quere incrementar o potencial de desenvolvemento do proxecto de especialización do Campus da Auga pero tamén o desenvolvemento termal da provincia e da cidade de Ourense.

O simposio celebraraxe xunto coa 17ª edición da feira Termatalia

O programa estrutúrase arredor de tres áreas temáticas prioritarias, como son a caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais; o patrimonio e arquitectura termal e o turismo experiencial e de saúde en termalismo. A estas tres áreas úneselle unha cuarta de carácter xenérico, de investigación xeral sobre a auga relacionada co enfoque do simposio. Durante a celebración da cita participarán expertos de países como Portugal, Italia ou Estados Unidos, presentándose arredor dun centenar de comunicacións.

Os dous días de actividade do simposio arrancarán cunha sesión plenaria na que se abordará a temática da caracterización e aproveitamento das augas mineromedicinais e termais; a historia dos baños colectivos en Oriente Próximo e a maximización de beneficios para a saúde e a sustentabilidade do turismo termal para as comunidades anfitrioas. A programación tamén contará cunha conferencia inaugural, titulada Influencia da balneoterapia na calidade de vida de pacientes con osteoartrite, a cargo da docente Antonella Fioravanti, da Universidade de Siena, e outra de clausura sobre novas tendencias e retos futuros en termalismo, a cargo de José Martins Carvalho, do Instituto Politécnico do Porto.

Arredor dos catro eixes temáticos desenvolveranse arredor de 36 comunicacións orais de investigadores, dúas sesións de comunicacións de póster e dúas sesións de 16 paneis nos que se presentarán tanto traballos académicos como innovacións e novas experiencias en termalismo. O programa tamén inclúe unha sesión de novos investigadores e investigadoras na que, baixo o título Novos retos e tendencias na investigación. O talento ao servizo da sociedade, presentaranse teses de doutoramento e traballos fin de mestrado e grao relacionados coas augas mineromedicinais e termais defendidos no período 2012-2017. Tamén se levarán a cabo tres talleres, un centrado nas potencialidades que ten para Galicia o enoturismo e termalismo; outro sobre as aplicacións en dermocosmética das augas termais e outro sobre peloterapia corporal.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.