Group_picture_Q-safe_opening_session

Reúnese en Santiago o proxecto Erasmus Q-Safe de investigación agroalimentaria

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC  acolle esta semana a segunda edición do curso de Q-SAFE, un proxecto Erasmus + no ámbito agroalimentario no que participan sete universidades europeas e cuxo obxectivo é a formación de novos investigadores no eido dos modelos de predición, avaliación de riscos e análise de ciclo de vida.

Nesta segunda actividade de ensinanza do proxecto –a primeira tivo lugar en Malta en 2015– unha vintena de estudantes de todas as institucións implicadas aprenden a utilizar diversas ferramentas de simulación que son de aplicación nas industrias alimentarias, desde a tecnoloxía dos alimentos ata a súa xestión e procesado.

Ao final desta asociación estratéxica os participantes terán unha comprensión máis clara das ferramentas cuantitativas para avaliar a calidade do produto, a seguridade, a intensidade de uso dos recursos e os impactos ambientais na industria alimentaria. Isto permitirá actividades de investigación sobre técnicas de control máis eficientes e eficaces, e promoverá a empregabilidade dos investigadores con altas competencias.

Sete países participan neste proxecto de formación en investigación alimentaria

Ademais da USC, en Q-SAFE participan as Universidades de Birmingham (Reino Unido), Malta (Malta), Aristóteles de Tesalónica (Grecia) e Católica de Lovaina (Bélxica); o University College de Dublín (Irlanda); a Escola Nacional Veterinaria, Agroalimentaria e da Alimentación de Nantes (Francia); e Feiraco Sociedad Cooperativa Galega (España).

Na xornada inaugural deste luns, aberta ao público, interviñeron o científico da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (AESA) Stylianos Koulouris, que explicou a avaliación do risco para a seguridade alimentaria e a forma en que a EFSA a leva a cabo, e a titular da División de Seguridade de Anfaco-CECOPESCA Ana García Cabado, que se centrou na seguridade en relación coas toxinas mariñas, un tema de constante actualidade en Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.