Xoves 28 Marzo 2024

Os premios Sofía Novoa recoñecen a importancia da igualdade na educación e a tradución

Dous traballos de fin de grao que buscan rachar con estereotipos e promover a igualdade nas aulas de Educación Infantil achegando aos cativos e cativas a escritoras, artistas ou arquitectas e traballando coa linguaxe coa poboación inmigrante e minorías étnicas; xunto cun proxecto de fin de máster que aborda como a importancia dunha linguaxe inclusiva nas traducións. Estes tres proxectos serviron ás egresadas Lucía Troncoso, Eva Fontáns e Raquel Armán para converterse en gañadoras dos II Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster da Universidade de Vigo, que promove a Deputación de Pontevedra.

Os traballos achegan aos cativos as figuras de escritoras, artistas e arquitectas, as minorías étnicas ou a linguaxe inclusiva

O fallo destes premios, dotados con 1.000 euros cada un, foi feito público este venres pola presidenta da institución provincial, Carmela Silva, quen salientou a contribución destes premios “para impulsar políticas igualitarias e de visibilidade das mulleres no campo da educación, desde onde se cambia a sociedade”. As deputadas de Igualdade e Emprego, Isaura Abelairas e Monste Magallanes, as profesora da Universidade de Vigo María Álvarez Lires e Purificación Mayobre e as representantes do Servizo de Igualdade da Deputación Ana Isabel Garrido e Lucía Muradas integraron o xurado duns galardóns abertos aos traballos do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra, e nos que, somo sinalou Lires, resultados gañadores dous proxectos centrados na “etapa máis importante na formación da sociedade do futuro”, a educación infantil, e un “nun tema complexo ao que probablemente non se lle dá a importancia que realmente ten”, como son as traducións de produtos audiovisuais.

Publicidade

“A verdade é que non o agardaba e estou moi orgullosa”, salienta Lucía Troncoso tras saberse gañadora destes galardóns polo seu traballo Modelos para fomentar a igualdade entre os sexos no traballo por recunchos na educación infantil. O traballo nos recunchos con enfoque de xénero, no que dá conta da súa experiencia nun centro educativo de Vigo onde traballou “os modelos de igualdade” a través dunha serie de recunchos nos que ía promovendo actividades que lles permitían achegar a nenos e nenas a figuras como a escritora Adela Turin, a arquitecta Zaha Hadid ou a pintora Enriqueta Ahrensburg, e, deste xeito, rachar cos “modelos estereotipados” que reciben nenos e nenas respecto dos diferentes roles que existen na sociedade “que deixan á muller nun segundo plano”. Nese senso, esta egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que desenvolveu o seu traballo coa profesora Azucena Arias como titora, pon de relevo a importancia de loitar contra estes estereotipos “desde a etapa de educación infantil, que é moi importante no seu desenvolvemento afectivo, persoal e intelectual”.

Nesta facultade e tamén con Arias como titora, desenvolveu Eva Fontáns o seu traballo Enfoque de xénero na mellora da expresión oral da educación infantil nunha escola que escolariza alumnado de minorías étnicas e procedentes do estranxeiro. “A linguaxe engloba moitos matices discriminatorios e non discriminatorios”, sinala a egresada premiada por un traballo que realizou no marco do curso de adaptación ao grao e que desenvolveu no centro educativo no que traballa como docente. Abordar a linguaxe desde unha perspectiva de xénero en idades máis temperás, sinala, “facilita moito o traballo posteriormente”, como puido comprobar na “experiencia piloto” que desenvolveu e que provocou un “cambio moi positivo”, nos nenos e nenas. Nese senso, Fontáns engade á satisfacción que supuxo o propio proxecto en si recibir agora un recoñecemento que incide, como sinala, “na importancia de traballar cuestións de xénero” en eidos como o educativo.

Con Judit Cortés como titora, Raquel Armán desenvolveu no máster en Tradución Multimedia, da Facultade de Filoloxía e Tradución, o seu traballo A tradución como ferramenta para a visibilidade. Tradución de Gaycation para voces superpostas, no que este documental estadounidense sobre o colectivo LGTB serviulle para amosar como unha tradución pode mudar a ideoloxía dunha determinada mensaxe engadindo “termos cunha connotación negativa que non estaban no produto orixinal”. Nese senso, Armán articulaba no seu traballo unha proposta de tradución de voces superpostas para este documental, na que tiña en conta a importancia dunha linguaxe inclusiva, algo que, como lembra, non sempre está presente neste tipo de procesos. “No inglés existen unha serie de palabras neutras que ao pasar ao español, o común é que, se non existe esta sensibilidade, pasen todas ao masculino”, advirte esta titulada, quen continúa afondando nos temas de ideoloxía e visibilidade nas traducións como alumna de doutoramento. De aí que saliente como “algo marabilloso” o recoñecemento ao esforzo e á abordaxe de temáticas que “non sempre tiveron o protagonismo que teñen hoxe en día”, que supoñen estes premios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra
00:57:23

“En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”

A primeira actividade do ciclo 'Ciencia en feminino' analiza as vocacións científicas e como mantelas pese aos obstáculos por ser muller
00:57:23

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. As vocacións científicas

A bióloga Alicia L. Bruzos, a enxeñeira espacial Uxía García Luis e a paleontóloga Blanca Moncunill Solé falan da súa experiencia como mulleres de ciencia