Venres 19 Abril 2024

Premios do Idega para 4 traballos sobre espazos protexidos, enerxía eólica, sector lácteo e xestión de riscos

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega) que dirixe o profesor Alberto Meixide entregou este luns os premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo que convoca en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) e con Feiraco, respectivamente.

O acto, que presidiu en Fonseca o reitor Juan Viaño e no que participaron o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e a presidenta do CES-Galicia, Corina Porro Martínez, deu comezo cun relatorio do profesor da USC e investigador do Idega, Melchor Fernández, que levou por título ‘Descubrindo o “vello” mundo: afrontar o reto demográfico dende a investigación interdisciplinar’.

Publicidade

Premios Jesús García Calvo
Juan Manuel Trillo Santamaría e Valerià Paül Carril foron os primeiros en recoller o premio Jesus García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación polo seu traballo ‘ Transboundary protected areas as ideal tools? Analyzing the Gerês‐Xurés transboundary biosphere reserve’, no que investigan a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés no marco do modelo definido globalmente para a ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos transfronteirizos (ENPF).

O investigador Damián Copena levou o premio García Calvo pola súa tese doutoral

Os ENPFs nacen co obxectivo de conservar a natureza e desenvolver a zona na que se aplican para, entre outras medidas, procurar borrar os efectos das fronteiras internacionais. Mais do seu estudo os investigadores apreciaron que a pesar de que se cumpre boa parte das condicións teóricas do modelo, “parecen emerxer diversas eivas tanto no referido á xestión cotiá da reserva como á pertinencia do modelo”. Así, propoñen que se facilite a captación de recursos externos –nomeadamente da Unión  Europea– e se transite “cara a unha verdadeira cooperación transfronteiriza fundamentada nos desexos das persoas que viven na zona”.

Pola súa banda, o investigador do grupo de Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo Damián Copena Rodríguez levouse o García Calvo pola súa tese de doutoramento ‘Enerxía eólica e medio rural: unha análise aplicada dos impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego’, que lle dirixiu Xavier Simón Fernández. Nela analiza  como foi o proceso de implantación e cales foron as consecuencias socioeconómicas da posta en marcha dos parques eólicos no mundo rural galego no período 1995-2014. O traballo achega, a partir de procesos de investigación participativa, nova información sobre os procesos de implantación eólica, a análise dos mecanismos de acceso aos terreos eólicos e os resultados económicos obtidos polos propietarios dos terreos rurais onde se instalaron as centrais eólicas.

Por último, na categoría de traballo académico de grao ou mestrado recolleu o galardón Diego Gómez Méndez polo estudo ‘O sector lácteo en Galicia: dinámica recente e perspectivas nun mercado liberalizado’, tendo en conta o novo contexto que se abriu desde o 1 de abril de 2015 co fin das cotas lácteas na Unión Europea. Da súa detallada investigación conclúe, en contraste coa fortaleza do sector produtor, a “debilidade” da industria transformadora e como isto “limita o potencial do complexo lácteo na nosa comunidade”.

Valentín Paz Andrade
A cerimonia de entrega rematou co premio Valentín Paz Andrade, que recaeu no traballo ‘La gestión del riesgo y el seguro en la empresa gallega’, do que é director Luis A. Otero González e son autores Pablo Durán Santomil, Rubén Lado Sestayo, Milagros Vivel Búa e Luis Ignacio Rodríguez Gil, e que foi publicado pola editorial Fundación Inade en 2015.

Se ben a pesar da importancia da xestión integral do risco, apenas existen estudos que analicen a situación no ámbito estatal ou autonómico. Este traballo tenta así reverter esta eiva en Galicia, explicando o nivel de implantación de políticas de xestión do risco, as técnicas aplicadas e a importancia do seguro como ferramenta de transferencia do risco. O estudo profunda ademais nos efectos que ten sobre a empresa, en particular o risco global que asume e a creación de valor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia recibe o Premio Peña Novo polo seu “traballo arreo a prol da cultura e lingua do país”

A fundación que impulsou os galardóns hai 28 anos louva o portal “por contribuír decisivamente a poñer en valor o galego” a través do xornalismo

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s