Foto de familia dos galardoados cos premios Arquímedes.

Foto de familia dos galardoados cos premios Arquímedes.

Premio para dúas alumnas da UVigo no certame de investigación Arquímedes

As estudantes Lidia Cruces e Victoria Gil son as autoras dos traballos galardoados polo Ministerio de Educación

Cada ano, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convoca o Certame Arquímedes co obxectivo de fomentar o espírito investigador no alumnado universitario mediante a concesión de premios aos mellores traballos de investigación. Entre os galardoados na edición 2017 do concurso están dous traballos fin de grao realizados na Universidade de Vigo.

Victoria Gil.

Victoria Gil.

Na Área de Ciencias Sociais e Humanidades, Lidia Cruces, alumna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, acadou un segundo premio polo seu estudo sobre a sustentabilidade do sistema de pensións, e Victoria Gil, alumna da Facultade de Dereito do campus de Ourense, conseguiu na mesma categoría un accésit pola súa investigación sobre a discriminación no traballo por embarazo ou maternidade.

A fase final do XVI Certame Universitario Arquímedes de Introdución á Investigación Científica, ao que se presentaron 339 candidatos e candidatas das diferentes universidades españolas, celebrouse esta semana en Madrid.

Os autores dos 25 traballos seleccionados nas diferentes áreas de coñecemento para esta fase tiveron que presentar os seus estudos ante un xurado, resultado premiadas as dúas tituladas da Universidade de Vigo que concorrían. “Desde logo foi unha experiencia enriquecedora e recomendable”, destaca Lidia Cruces, cuxo premio está dotado con 5000 euros.

Un sentimento compartido por Victoria Gil, que recalca como o galardón, dotado no seu caso con 2000 euros, recompensa o esforzo feito durante o último curso académico na realización do moitas veces temido polo alumnado traballo fin de grao. O secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, Marcial Marín, foi o encargado de entregarlles os galardóns nun acto celebrado este mércores.

Lidia Cruces.

Lidia Cruces.

Sobre o seu traballo fin de grao, Lidia Cruces sinala que nel “realizamos unha análise da sustentabilidade do sistema español de pensións no escenario demográfico de 2050, caracterizado por un aumento da esperanza de vida e unha ralentización do crecemento demográfico”.

Para facelo, indica, “empregamos un modelo de xeracións solapadas no que os axentes forman hábitos en consumo e deixan herdanzas aos seus descendentes por motivos altruístas”. Neste escenario, detalla a premiada, “baixo unha resposta pasiva do goberno, a taxa de substitución das pensións diminuirá case un 50%”.

Pola súa banda, explica Victoria Gil, o seu traballo “centrouse no estudo da discriminación por embarazo ou maternidade a través da análise da normativa laboral e da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Constitucional nesta materia”. A discriminación por embarazo o maternidade, detalla, “constitúe unha discriminación directa por razón de sexo, toda vez que só pode darse na muller e supón un tratamento desfavorable por razón do seu sexo”, motivo polo cal a galardoada se decantou por estudar esta temática no seu último ano de carreira.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.