Iván Rodríguez Arós

Premiada a calidade artística do director creativo do grupo vigués Divulgare

Para os membros do equipo de Divulgare recibir premios e recoñecementos non é nada novo. Pero desta volta, en lugar das súas achegas á divulgación da ciencia e no eido da ecoloxía, o que se destaca é a calidade artística do traballo. Así, dúas ilustracións do director creativo do grupo, Iván Rodríguez Arós, acaban de ser seleccionadas para formar parte do primeiro artbook que publica Krita, que como explica Luis Navarro, director de Divulgare, é “unha aplicación de software libre de ilustración dixital potente e completa que non deixa de crecer, cunha comunidade de artistas que a empregan e melloran”. As súas dúas obras de Rodríguez Arós (con alias artístico Esfenodon) e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo formarán parte deste artbook xunto ás creación doutros 40 artistas de todo o mundo.

dseño de iván Rodríguez Arós

Tanto Rodríguez Arós como Navarro valoran moi positivamente este recoñecemento, dado que se presentaron máis participantes do agardado cun primeiro corte con máis de 90 candidatos. Finalmente o libro inclúe obras de artistas de todo o mundo, que traballan con estilos diferentes estilos e temáticas diversas pero que teñen en común que amosan como Krita é empregada no mundo real para crear arte “incrible e envolvente” como explican na súa propia web.

Esfenodon explica que cada artista podía presentar dúas pezas, preferiblemente unha en cor e outra en branco e negro, co obxectivo de dar visibilidade tanto o debuxo como a ilustración. O que recoñece que lle resultou unha sorpresa é a selección das dúas ilustracións, dado o alto nivel tanto de participantes como de calidade.

O catálogo Krita recoñece os mellores traballos feitos no mundo con esta aplicación

As súas dúas propostas, un debuxo en branco e negro dunha moza nunha terminal de carga e unha ilustración en cor dunha rapaza cun animal durmido cun dardo tranquilizante, foron feitas especificamente para presentar a esta certame. “Son unha prolongación, unha continuación do que levo facendo anos, tíñao na cabeza, pero materializouse para esta ocasión” explica e destaca que este tipo de ilustracións responden a unha liña de investigación que o artista desenvolve paralelamente ao seu traballo en Divulgare.

Este tipo de artbooks, como remarca o artista, son bastante habituais e a través deles os diferentes programas de ilustración e creación tratan de ofrecer unha compilación anual do traballo realizado polos artistas que os empregan. No caso de Krita esta é a primeira edición deste libro ou anuario creativo, o que Rodríguez Arós valora como un extra, xa que a primeira edición posiblemente acabe tendo bastante impacto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.