Pedro Diz Dios, catedrático de Estomatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, foi investidocomo membro de honra do Real Colexio de Cirurxiáns de Edimburgo. Esta prestixiosa corporación médica fundada en 1505 e considerada como a máis antiga e maior organización cirúrxica do Reino Unido e unha das máis grandes entre as organizacións médicas do mesmo país. Conta con 25.000 profesionais de máis de cen países. O docente da USC convértese así no primeiro español que recibe este recoñecemento no ámbito da súa especialidade.
A proposta de investidura foi presentada polo doutor Howard Moody. Este subliñou “o prestixio internacional de Pedro Diz Dios, cuxa traxectoria académica e investigadora convérteno nun referente da súa especialidade”. De xeito especial, a distinción de honra vén remarcar igualmente “ o seu compromiso cos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade, unha iniciativa que este Real Colexio se esforza especialmente en promover”. A investidura celebrouse nunha sesión protocolaria presidira polo profesor Michael Lavelle-Jones.
O catedrático Pedro Diz dirixe a Unidade de Odontoloxía para pacientes con necesidades especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía, unidade que el mesmo promoveu hai máis de dúas décadas e que actualmente é un centro de referencia estatal e internacional no que atende pacientes con Síndrome de Down e discapacidade procedentes de toda Galicia. O recoñecemento súmase a outra designación que Diz recibiu hai uns meses: foi elixido editor da Special Care in Dentistry, órgano oficial de expresión da Special Care Dentistry Association (SCDA). Deste xeito converteuse no primeiro profesional de orixe europea que desempeña esta función