Os premiados posan no acto de entrega dos Premios da Crítica.

Os premiados posan no acto de entrega dos Premios da Crítica.

O programa ConCiencia da USC recibe o Premio da Crítica de Galicia

O Programa ConCiencia de divulgación científica, posto en marcha en 2006 pola USC e o Consorcio de Santiago, gañou o Premio da Crítica de Galicia na categoría de iniciativas culturais e científicas. Na mesma convocatoria, na modalidade de Artes Plásticas, tamén foi premiada a profesora xubilada da USC María Luisa Sobrino por ser “pioneira no ensino da plástica contemporánea e impulsora da rede interdisciplinar da cultura galega”.

Os galardóns entregáronse este venres en Vigo nun acto ao que acudiu o director científico do programa ConCiencia, o profesor da USC Jorge Mira, quen subliñou que a iniciativa comporta en si mesma “moitas cousas que non transcenden pero que son de grande utilidade e transcendencia para a comunidade universitaria e para Galicia”, en alusión á promoción da imaxe da Universidade e da cidade, aos contactos que se forxan entre investigadores…

O catedrático da USC Jorge Mira.

O catedrático da USC Jorge Mira.

O obxectivo do programa, único en España no seu deseño, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que se producen intercambios de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito científico internacional. Así o entendeu o xurado dos premios, que considera ConCiencia como “unha iniciativa de divulgación científica consolidada no tempo, optimizando uns recursos económicos cada vez máis minguados e sendo unha ponte entre niveis educativos, o mundo da investigación e a cidadanía”.

Así, grazas a ConCiencia a sociedade galega tivo a oportunidade de asistir ao longo destes doce anos a leccións maxistrais sobre ciencia a cargo das personalidades científicas máis reputadas do mundo, a maior parte delas merecedoras do Premio Nobel ou similares como a medalla Fields, como Cédric Villani, Claude Cohen-Tannoudji, Harald zur Hausen, Tim Hunt, Ei-ichi Negishi, Richard J. Roberts, Ada E. Yonath, Mohamed ElBaradei, Frances Elisaberh Allen ou Torsten Nils Wiesel.

Premio Fonseca
Ademais das visitas destes reputados científicos –que inclúen encontros con grupos de investigación galegos, conferencia pública, encontro con escolares e comparecencia diante dos medios de comunicación–, o programa ConCiencia instaurou o Premio Fonseca, que inaugurou Stephen Hawking e a quen seguiron James Ephraim Lovelock, Sir David Frederick Attenborough e Sir Roger Penrose.

O xurado
Nesta ocasión, o xurado da modalidade de Iniciativas Culturais dos Premios da Crítica estivo formado polo Observatorio pola Igualdade da Mariña, gañadora da edición 2016; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón; o xornalista de Esfervescencia Galega, Manuel Vicente García; a membro da Fundación Penzol, Malós Cabrera; o xornalista de Gciencia Pablo López, e Afonso Vázquez-Monxardín, que actuou como secretario.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.